«'A penúltima'? Si, pero sabe Deus!»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO/ LA VOZ

VIMIANZO

O cómico Carlos Blanco pechará mañá cun monólogo a programación de outono da Casa da Cultura de Vimianzo: 20.30 horas, entradas en woutick.es

28 nov 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Vimianzo botará mañá, sábado, o peche da súa programación cultural de outono. Farao con identidade e humor de altura, o de Carlos Blanco, que chega á capital de Soneira con A penúltima: 20.30 horas, entradas á venda en woutick.es, e ademais a módico prezo. Falou o cómico en Radio Voz, avanzando que terá un día axetreado: «Agardo chegar a tempo, saio na mañá do propio sábado de Valencia». Está tendo un outono intenso, recén rematada de rodar a serie O crime de Pazos, para Netflix; sostendo tamén un papel nun filme que gravan por Valencia baixo a dirección do amigo Óscar Bernárdez; Culturgal de por medio e outras citas coma esta que o trae á Costa da Morte. Por diante ten tamén novos proxectos, un camiño completo no actoral e no humorístico, tempo de traballo, pero sempre un oco para conversar sobre cine e demais, mesmo con proveitosas recomendacións

—Acaba de pechar ademais xira con Xosé Antonio Touriñán.

—Foron tres espectáculos xuntos, que marabilla! Touri é un tipo incrible dentro e fóra do escenario. Xa con 66 anos e podendo estar xubilado, pero gozando tanto do traballo, podo dicir que non hai case nada mellor na vida que traballar con amigos, con xente que queres. Eu, habitualmente, teño ese privilexio.

—Por que «A penúltima»? Porque nunca se ha de dicir a última?

—Ese é o xogo. Vai sendo hora de ir para a casiña, estamos na idade de recollernos cedo, pero a penúltima é iso, que igual lle tomamos dúas máis ou igual a liamos. Todo o mundo o entende, aquí pillamos o da penúltima á primeira. Penúltima? Si, pero sabe Deus! De feito teño 15 ou 20 actuacións para a primavera. Ferrol, Pontevedra, Vilagarcía, Cangas, Monforte, Viveiro... Galicia!

—Non hai retirada de momento no horizonte.

—Non, non! O que si me gustaría é baixar o pé do acelerador. Esta semana rodei luns e martes na Coruña, xoves e venres en Valencia, sábado actúo en Vimianzo... Igual é excesivo! Baixarei o ritmo, iso seguro, en xaneiro e febreiro, e igual ata me vou un pouco ao sol.

—Nunca fai dous monólogos iguais. Que trae a Viminanzo?

—E iso que en A penúltima vou bastante suxeito, porque levo pantalla, é un espectáculo concibido sobre imaxes. Antes de empezar concreto cos técnicos que se pon, ponme isto, ponme o outro, pero é verdade que o renovamos de cada vez, que imos engadindo cousas novas. Por exemplo, na parte de pancartas de vodas polos camiños: eu mesmo vou facendo facendo fotos novas, outras mándanmas... A penúltima é un espectáculo vivo e eu mesmo son incapaz de facelo igual cada noite. Non é algo mecánico, dependendo do sitio ou do lugar uso unhas referencias ou outras. A pantalla dáme xogo, mesmo para memes que me agasallou unha rapaza con moita guasa, cociñeira no hospital de Vigo.

—Estamos nun tempo para pedir desexos. Vostede ten algún para o 2026? Hai non moito comentaba que lle quedaba pendente subir ao Pindo. Xa puido?

—Aínda non, e non será porque non me insistise o alcalde de Dumbría! Deste ano non debería pasar. O de subir ao Pindo e ir ás Sisargas son asuntos pendentes. E tamén o Camiño dos Faros! Que máis pediría? Que se rodase máis en galego. Rodamos moito e ben, produtos magníficos para todo o mundo, pero faltaría iso outro, rodar máis en galego. Hoxe en día non hai problema algún por facelo así. A xente está afeita aos subtítulos e demais. Deberiamos rodar coa verdade que temos no país: nunha mesma conversa, dúas persoas falan en galego, dúas en castelán, e con toda a naturalidade. Gustaríame ver iso na pantalla.