Melania Cruz: «Temos unha responsabilidade cos nosos maiores»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO/ LA VOZ

VIMIANZO

Melania Cruz, nunha imaxe de arquivo.
Melania Cruz, nunha imaxe de arquivo.

A actriz integra o elenco da obra de teatro que se poderá ver este sábado en Vimianzo, con Teatro de Ningures

06 nov 2025 . Actualizado a las 23:23 h.

Sábado • 20.30 horas • Esta fin de semana haberá opción de gozar do teatro en case dez localidades da Costa da Morte. Unha delas é Vimianzo, onde a proposta pasa por As gardiás ou o nó do tecelán, con Teatro de Ningures: 20.30, Casa da Cultura, xestión anticipada de entradas en woutick.es. Tamén se poden mercar o propio día, dende unha hora antes. Falou en Radio Voz a actriz lucense Melania Cruz, Premio da Cultura Galega, Premio María Casares, Mestre Mateo... E máis!

—Unha obra que pon o foco na vellez, e no dereito a decidir chegada esa etapa. Tema serio.

—Pois si, un tema que ultimamente se está a ter máis en conta, creo e espero. Que estamos facendo como sociedade se non atendemos aos nosos maiores? Temos unha responsabilidade con eles, e tanto que aprender!

—Teñen pasado con esta función, na primavera, por Paiosaco. Daquela falaba Casilda Alfaro da boa acollida.

—Estamos tendo unha xira intensa, unha marabilla, atopamos no público moitas persoas que se senten identificada con estas mulleres, especialmente cos personaxes que interpretan Casilda, Sonia, Rebeca e tamén Pepa.

—E vostede quen é?

—Victoria, que chega coa idea de levar á súa nai a unha institución, unha nai que comparte piso con tres amigas que coidan dela dende que quedou en cadeira de rodas. Prodúcese un conflito entre todas que as acabará transformando.

—Hai unha postura correcta?

—Non a hai, será correcta aquela que xurda da reflexión, da tolerancia e de sopesar que todas as persoas poidan estar o máis a gusto posible.

—Diciamos tema serio, pero nesta obra hai moito humor.

—A xente ri moito. Emociónaste e, sen darte conta, xa estás rindo. É unha boa maneira de reflexionar, dende aí, dende ese punto, porque a vida é iso: traxedia, comedia, drama, todo mesturado.

—A quen chama a acudir?

—A todo o mundo. Vano pasar ben, rir, pensar, compartir. Seguramente haxa momentos da peza que logo acompañarán aos espectadores. O teatro é un espazo para estar en comunidade e poder desfrutar, desconectar e pensar noutras cousas para as que ás veces a vida diaria non nos dá.

—Melania é unha das Raposas de «Clanes». Gravaron en Malpica.

—Xa coñecía a vila! Estiven moi ben, a xente marabillosa, portouse ben, comemos súper ben... Imaxino que a segunda tempada da serie, cun elenco marabilloso, sairá no 2026.

—Tamén é María Casares en «Continente María».

—O que dá este traballo é a opción de poñerte na pel de moitos personaxes distintos, un exercicio de empatía. Dá a posibilidade de vivir moitas vidas a maiores da túa.

—E con que vida queda?

—Coa miña! Dáme a posibilidade de vivir a de todas elas!

E ADEMAIS...

Esta fin de semana haberá case dez obras de teatro das que gozar na Costa da Morte. Pode consultalas aquí.