
Algo «revolucionario» e con «impacto real»: así avanzan o encontro previsto en Vimianzo para os días 6 e 7 de xuño. Fala dende a organización Patricia Vaquero
25 may 2025 . Actualizado a las 00:31 h.«Falamos de algo pioneiro. As Administracións que o promoven, Concello de Vimianzo e Diputación de A Coruña, asumiron un compromiso moi valente», asegura a socióloga, consultora e formadora en igualdade Patricia Vaquero. Está detrás do equipo organizador do Foro de Liderado Feminino no Rural Alza voz de muller, previsto para o 6 e 7 de xuño na capital de Soneira. Vaquero anima con empeño a que as mulleres participen: «Ao final é corresponsabilidade de todas facelo, crear este movemento dende un espazo no que nos darán voz, no que falaremos de cousas que nos ocupan e preocupan. Estamos creando algo potente, transformador, dende o rural, e isto non se dá moitas veces. É unha aposta real, ambiciosa e arriscada, déronnos a oportunidade». Falou disto e doutros aspectos do foro en Radio Voz:
—Será un reto este encontro.
—É un privilexio formar parte del. Así o sinto como profesional que levo vinte anos neste sector.
—Está detrás de «Todas nós», plataforma para visibilizar o talento feminino na zona. Este será un foro a maior escala.
—Si, traballamos para que así sexa, para transcender e pór en valor o traballo e talento das mulleres no ámbito profesional e emprendedor a nivel global. Por suposto, poñendo tamén o foco nas que desenvolven as súas carreiras no rural. Será un traballo de reflexión e análise máis integral.
—Por que «Alza voz de muller»?
—Xorde da necesidade de crear espazos onde as mulleres reflexionen, analicen e falen das súas realidades e experiencias que viven cada día no ámbito laboral. Non podemos enfrontarnos a el sen falarmos daquilo que nos pasa cada día ás mulleres. Temos barreiras, non partimos do mesmo lugar que os homes, senón dunha situación máis complicada, con máis desafíos e prexuízos, temos unha socialización diferente. Por tanto, crear un espazo onde se poida falar libremente de todo isto non só é importante, senón preciso e transformador.
—Haberá palestras, mesas de conversa, encontros. Que directrices seguiron?
—Que se tratasen os temas que queremos ver enriba da mesa, e que se fale dende unha perspectiva de xénero, que é o que vai transversalizar todo o evento. Queremos ademais que se fale de realidades, de freos á hora de avanzar, fan falta análises prácticos, que moitas veces é do que coxean os encontros. Como acceder ao liderado sen cargar cos impostos que temos as mulleres só por selo, como falar de éxito, diñeiro e poder sen medo, como a falta de corresponsabilidade e conciliación teñen consecuencias no profesional e incluso na saúde mental, como crear redes de apoio reais, sostibles e transformadoras de xeito individual e colectivo... Todo isto trataremos.

—Que sexa en Vimianzo, no rural, non é asunto menor.
—Eventos así de potentes celébranse en grandes cidades, de Madrid a Barcelona. Que sexa no rural, aquí, hai que visibilizalo, poñelo no lugar que corresponde. Que o rural, e particularmente Vimianzo, vaia ser o centro da innovación profesional e emprendemento con perspectiva de xénero é algo revolucionario. Amosa tamén que dende o rural se poden crear espazos de primeiro nivel, con contido de calidade, coidado, e con vocación de xerar un auténtico impacto real.
—Quen pode acudir?
—Quen así o desexe. O foro está aberto ao público en xeral, por máis que o contido se enfoque ao desenvolvemento profesional das mulleres. En www.alzavozdemuller.com teñen toda a información, datas e horarios, reserva de praza, compra de entradas...

«As mulleres merecemos pensar en grande, liderar e emprender»
Alza voz de muller dará opción a que as mulleres, tamén as que acudan como público, poidan co-crear o contido do encontro, exercer do que son, protagonistas. Poden facelo expoñendo a súa historia, a súa experiencia, o camiño vivido, achegándoo a través das redes sociais do encontro ou na web. Paralelamente, haberá na Casa da Cultura un espazo habilitado para visibilizar o talento emprendedor feminino. Así, as interesadas poderán expoñer —ou vender— produtos ou servizos que ofrecen. En caso de querer facelo: comunicacion@alzavozdemuller.com.
—Dicía que as mulleres parten dunha situación distinta. Que as frea para emprender?
—O noso maior freo é a socialización que temos dende pequenas, unha educación para ter menos ambición, para conformarnos con certas cousas, para priorizar o benestar e coidado dos demais por riba do noso, para compracer, para cumprir expectativas externas e mirar bastante menos o que queremos e precisamos nós. E logo tamén está o da conciliación, ou o do financiamento. Os emprendementos de mulleres teñen unha menor taxa de financiamento. Aí están tamén as crenzas. Ser conscientes de que todo isto é real a veces incomódanos. Pero nós tamén merecemos pensar en grande, liderar empresas, emprender, crear uns desenvolvementos profesionais sen renuncias por ter outras responsabilidades que nos asocien.
—Cambiou algo?
—Temos avanzado, pero queda moito por avanzar e loitar. Hai ademais como unha igualdade percibida, unha grande parte da sociedade pensa que xa está, e iso pódenos levar a retrocesos.
—Fálenos dalgunhas das participantes, para ver por onde van.
—Teremos con nós a María Fornet, magnífica profesional, psicóloga, coach, escritora. A Yolanda Domínguez, artista visual, consultora, formadora en comunicación igualitaria, autora de varios libros: ela falaramos a relación das mulleres co diñeiro, unha charla que titulou As mulleres facturan. Carmen Lence, a investigadora Laura Sagnier, quen acuñou o termo lousa de formigón; María Couto, Carlota Corzo... Haberá por suposto tamén representación da Costa da Morte, non nos podiamos esquecer do talento local.