Vimianzo pon o emprendemento feminino como panca para o desenvolvemento rural
VIMIANZO
Unha mesa redonda reunirá hoxe, xoves de feira, a tres testemuñas que serven de exemplo
24 oct 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Ao igual que o 24 de outubro, Día das Bibliotecas, inspira un mes dedicado a elas, en Vimianzo están decididos a que o 15 de outubro, Día da Muller Rural, dea orixe a todo un tempo para a reivindicación da importancia destas. É con motivo desta conmemoración que hoxe mesmo, ás 12.30, na Praza do Concello, se levará a cabo unha mesa redonda na que tomarán parte cinco voces femininas. Mónica Rodríguez, alcaldesa, será unha delas, se ben a rexedora concede todo o protagonismo da xornada ás outras catro.
Así, de par Rosa Sánchez, técnica de desenvolvemento local, estarán Rocío Méndez Pose, responsable do proxecto hostaleiro O Lagar de Manuela, na parroquia de Carnés; Ana Antelo, quen deu o salto a unha marca de complementos propia, Ana Trasariz; e Mar Linares Vázquez, psicóloga que, xa hai uns anos, decidiu cambiar a cidade polo entorno rural de Tines e desenvolver a súa vida dende aquí. Tres testemuñas de emprendemento, de emprendemento feminino, e de emprendemento dende o rural vimiancés, cuestións todas elas que se pulsarán ao longo deste coloquio ao aire libre.
Xornada de feira
Hoxe, día deste encontro, é xoves de feira en Vimianzo, xornada de afluencia. Un mercado que gaña peso, en cantidade e calidade, que supera os 120 postos, e que se elixiu como inmellorable escenario desta tertulia sobre o que pode dar de si o rural e, nel, as mulleres. Así, de par da mesa onde se levará a cabo o faladoiro haberá postos con produtos da horta, pero tamén un vehículo que, pola intervención artística que nel se fará, chamará a atención. Esa sorpresa, un proxecto saído do maxín da edila de Servizos Sociais, María José Pose, quedará ao descuberto hoxe.
Vimianzo é, dalgún xeito, a capital rural de Soneira, e estas voces femininas que este xoves compartirán as súas experiencias, o porqué dos seus proxectos e o porqué da aposta pola terra, labran parte deste título. «Muller, muller rural, emprendemento, produto local, a todo isto temos que darlle visibilidade», apunta a alcaldesa, quen por certo, pouco antes da mesa redonda, percorrerá algúns puntos do municipio co tribunal do certame Vilas en Flor.
A rexedora afirma agardar este tempo de posta en común decidida a escoitar proxectos para os que ten as mellores palabras. A aposta de vida de Mar, por exemplo, xa implicada na xunta local contra o cancro ou en todo aquilo que se lle propón. Ana Antelo, de Baíñas, leva xa tempo colaborando tamén coa Artesanía en Vivo do Castelo, seguramente unha panca para logo dar o salto a un proxecto propio centrado en complementos como poden ser os bolsos. «Decidirse a ser autónomo, hoxe, na miña opinión, é unha valentía», apunta a alcaldesa. Máis aínda en sectores que pasan horas complexas, como o da hostalaría. Un negocio familiar, cargado de raíces, de identidade, cunha carta e instalacións coidadas: iso resultou da inversión en O Lagar de Manuela.