Fran Rei, cómico de «Máis Saaabor!»: «Hai que saber cociñar coa música axeitada»

P. Blanco, F. Rodríguez CARBALLO/ LA VOZ

VIMIANZO

CULTURACTIVA

Mañá, en Vimianzo, nova parada do Vimiansol: función de rúa ás 21.00 horas, na Praza do Concello, de balde 

27 jul 2024 . Actualizado a las 00:19 h.

Mañá • Música, maxia, humor, ritmo. Iso é o que haberá mañá na Praza do Concello de Vimianzo: ás 21.00, ao aire libre, gratuíto. É unha nova cita do programa municipal Vimiansol, proposta para gozar en familia que chega da man de Culturactiva e que leva por título «Máis Saaabor!». No traballo actoral, Félix Rodríguez e Fran Rei. Fala este último do que traen:

—Con «Saaabor!» xa pasaron ben veces pola comarca, e agora chegan con «Máis Saaabor!».

—Efectivamente. É unha nova entrega e coido que está moi ben posto o adverbio, porque se comparamos este espectáculo coa primeira versión, pois ten máis, moito máis. Máis ritmo, máis humor, máis maxia, máis música en directo. Tanto Félix coma eu estamos moi contentos de como foi a primeira entrega, un dos espectáculos de teatro de rúa de máis éxito nos últimos anos, 200 funcións, seis tempadas seguidas con venda... Así que agora vimos cun mellor acabado, un vestiario máis traballado, un deseño exclusivo, unha escenografía máis aparente, máis gastronomía...

—E que queren contar?

—Imos coa consigna de dicirlle ao público que hai que comer de todo, pero non só en contido, tamén en continente. Levamos música e gastronomía dos cinco [continentes]. E con cada prato a súa música. Non podes cociñar unha pasta italiana a ritmo de reguetón. Ten que ser a ritmo de tarantela. Hai que saber cociñar coa música axeitada, así que case podemos dicir que Máis Saaabor! cumpre unha función social, contar que a música é ingrediente clave de todo prato.

—Fran e Félix son en escena dous chefs cun menú musical.

—Un menú musical, menú-degustación. E bueno, habendo público miúdo, gústanos pulsar iso de que a gastronomía, a boca, é un síntoma de que somos diversos, metáfora tamén da diversidade cultural e social. Ollo, fuximos do mitin, imos divertir, pero se co espectáculo podes coñecer o boas que son as patacas de Vimianzo e arredores, pois igual cando vaias a unha grande cadea de supermercados, pensas en ir compralas á tenda do lado. Somos cómicos, non queremos extralimitarnos, pero as cousas con humor quedan doutro xeito. Sen ser exame, gústanos escoitar ao público —vai ser unha parte moi activa—, ver que pratos propoñen e que se coñece.

—Ter a Avelino González na dirección é toda unha garantía.

—E tanto! Foi parte imprescindible da primeira versión e queriamos seguir con el. Avelino ten un ollo marabilloso para dar coa palabra e o movemento exacto. Limpo, xusto e ponderado. Félix e eu somos o caos, como cómicos, e Avelino é a pausa e a orde. Retroalimentámonos moi ben e penso que en Vimianzo se comprobará.

—E é para público familiar.

—Así o reivindicamos, que os nenos e nenas veñan con pais, nais, avós... Ninguén se aburrirá.