A discreta presenza de Roberto Mouzo

Moncho Gándara

VIMIANZO

Cortinas Andújar volve rendir homenaxe a un vimiancés de corazón e soneirán de honra

29 jun 2024 . Actualizado a las 22:44 h.

O comercio vimiancés Cortinas Andújar rende, nun Asalto máis, unha sinxela e fermosa homenaxe a un vimiancés de corazón e soneirán de honra. Pendurado da fachada deste comercio, a carón da rúa da Torre, e mirando cara o Castelo, loce de novo un pequeno estandarte: « In memoriam de Roberto Mouzo Lavandeira», co lobo dos Moscoso, deseñado polo propio Roberto.

É posible que este vello estandarte pase desapercibido a moita xente, pero o certo é que é todo un tributo, un recordo simbólico de alguén ao que nada do noso patrimonio cultural e natural lle resultou alleo. É máis, Roberto Mouzo, foi durante a súa vida e co seu traballo unha mirada que dignificou e dignifica o noso patrimonio.

Sen dúbida, o Castelo de Vimianzo foi unha das meniñas dos seus ollos: naceu e viviu moi pretiño del, nel ten xogado de neno no tempo das Torres en ruínas e abandonadas e, xa de mozo, estivo sempre presente nas reclamacións polo rescate, rehabilitación e promoción da nosa xoia patrimonial.

Precisamente, nun dos libros de cabeceira de calquera soneirán que se precie, O Castelo de Vimianzo. Os Moscoso de Altamira, dous soneiráns de pro, Xosé María Lema na parte literaria e o propio Roberto Mouzo na parte gráfica, seguen amosando hoxe o seu compromiso en todo o que sexa engrandecer as Terras de Soneira

Nesta publicación de 1998 —xa todo un clásico— podemos seguir gozando do traballo, a xeito dun artesán paciente e coidadoso, das súas fotos, debuxos, deseños, siluetas, mapas temáticos…

Seguro que, nesta semana grande, desde algún curruncho do Universo, o noso Roberto amosará discretamente un sorriso de complicidade, e mesmo brindará con todos berrando: «¡Lumee¡»