Aprendizaxe, diversión, valores e conciliación nunha nova edición de «Vimiverán»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Vimichef, en la edición 2021 del Vimiverán
Vimichef, en la edición 2021 del Vimiverán BASILIO BELLO

O Concello de Vimianzo presentou a programación do campamento, con tres quendas e servizo de madrugadores

20 may 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Queda aproximadamente un mes para a entrada oficial do verán, mais o Concello de Vimianzo xa engraxa a maquinaria lúdica do estío para os máis pequenos, ao tempo que pon a disposición das familias recursos municipais para irse organizando en pro da conciliación da vida laboral, familiar e persoal. Son eixos básicos dunha nova edición, esta do 2023, do Campamento Vimiverán, presentado onte. Tres quendas temporais dende finais de xuño a comezos de setembro, actividades de 10.00 a 14.00, novamente servizo de madrugadores e opción de facerse nas parroquias de haber un mínimo de inscritos: velaí os principais trazos que sosteñen a proposta vimiancesa, que de novo integra Vimiteatro, Vimideporte e Vimichef, ademais de algunhas actividades en inglés.

Ocupar de maneira produtiva e educativa o tempo de descanso do curso escolar; crear un marco de referencia ou espazo seguro onde as familias poidan deixar as súas crianzas; desfrutar e aprender a un tempo mediante dinámicas adaptadas a cada idade, e facelo de xeito transversal, atendendo a valores de relevancia social como a igualdade, a cooperación, a corresponsabilidade, a tolerancia, o respecto, a inclusión e a non violencia, son os obxectivos específicos deste novo Vimiverán que, ao fin, procura o desenvolvemento educativo, psicomotor, cognitivo, afectivo e social dos pequenos. De «ampla e completa programación» cualificou a rexedora, Mónica Rodríguez, todo o que se ofrecerá no campamento, e que por suposto se complementará cun almanaque cultural de altura.

Quenda 1

Do 26 de xuño ao 14 de xullo

• Campamento Vimiteatro (65 prazas). Casa da Cultura, de 10.00 a 14.00, con servizo de madrugadores de 08.00 a 10.00. Arredor do Asalto ao Castelo, para que coñezan a súa historia e festa. Para nenos nacidos entre o 2011 e o 2020.

• Campamento Vimideporte (65 prazas). Pavillón municipal, de 10.00 a 14.00. Dinámicas lúdico-deportivas arredor do Asalto. Nenos nacidos entre o 2011 e o 2020. Madrugadores de 08.00 a 10.00.

Basilio Bello.

Quenda 2

Do 17 de xullo ao 11 de agosto

• Campamento Vimichef (20 prazas). Aula de cociña de Reboredo (Salto), de 10.00 a 14.00, con madrugadores de 08.00 a 10.00. Para nenos nacidos entre o 2011 e o 2017. Técnicas culinarias básicas e participación no concurso Vimichef.

• Campamento Vimideporte (90 prazas). No pavillón, de 10.00 a 14.00, con madrugadores de 08.00 a 10.00. Para nenos nacidos entre o 2011 e o 2020. Achegamento, coidado e respecto do medio ambiente, reciclaxe e prácticas deportivas respectuosas co medio.

BASILIO BELLO

Quenda 3

Do 16 de agosto ao 1 de setembro

• Campamento Vimichef (20 prazas). Mesmas condicións que no caso da quenda 2.

• Campamento Vimideporte (70 prazas). Coñecemento e respecto polas distintas opcións de xénero. Mesmas condicións que na Quenda 2, coa excepción de que, neste caso, as prazas para o servizo de madrugadores son limitadas: será necesario xustificar necesidade.

• Actividades en inglés. Polo menos unha hora diaria, con xogos e talleres.

Matrícula

Para as distintas quendas do Campamento Vimiverán, as preinscricións poden facerse de xeito telemático ou ben na Casa da Cultura, a partir do vindeiro 25 de maio, e ata o 9 de xuño. Sempre, en horario de 09.30 a 13.30 e de 16.00 a 20.00.

TAMÉN NAS PARROQUIAS

Foi no seu día novidade, mais xa modelo asentado este da descentralización da actividade máis alá da capital municipal. Trátase de dinamizar e de achegar recursos e posibilidades á poboación que vive fóra do casco urbano. Así, o campamento Vimiverán tamén se levará a cabo nas parroquias, sempre que haxa un mínimo de 20 inscritos en cada unha delas para poder desenvolver as propostas. Serían actividades de 10.00 a 14.00, con opción de madrugadores, para nenos nacidos entre o 2011 e o 2020. Igualmente, as tres quendas expostas anteriormente. 

Preferencia

Terán preferencia os empadroados no municipio.

Sorteo

O sorteo de prazas será o 13 de xuño, ás 12.00, na sala de conferencias da Casa da Cultura.

Prezo

50 euros por quenda de actividade (desconto por familia numerosa de 5 euros, sendo necesario xustificalo).

Ana García

Máis de mil persoas nas Escolas Municipais Culturais e Deportivas

Antes de que o verán bote a andar haberá que despedir o curso, non obstante, nas Escolas Municipais Culturais de Deportivas. Non pode ser mellor o balance feito polo Concello de Vimianzo, con máis de mil persoas inscritas entre a capital e as parroquias e unha ampla variedade de actividades que conseguiron manter ao longo do curso os elevados niveis de participación. Houbo, pois, continuidade. Na Escola de Música, por exemplo, anotáronse 380 persoas, repartidas entre baile, danza tradicional, batería, batucada, linguaxe musical, música e movemento, pandeireta, canto, coral, percusión latina, saxo e trompeta, piano, percusión tradicional, gaita, banda e frauta. Foron 120 no caso da Escola de Arte: pintura infantil, xuvenil e para adultos, así como debuxo. Doutro lado, a Escola de Panillo congregou a 65 interesados e a Escola de Teatro a 45, sumándolle os 26 usuarios das distintas ludotecas. En total, case 640 participantes nas propostas formativas culturais, ao que engadir as case 560 que estes meses acudiron a actividade física, aeróbic, ioga, pilates, atletismo, patinaxe, taekwondo, tenis de mesa, fútbol e futbol sala, pequemotricidade, multideporte ou, tamén, tiro con arco.

Ana García

«Destecer» estereotipos

O Concello vimiancés implementa a toda a súa actividade as lentes da igualdade e así é que en distintas ocasións se ten sinalado a relevancia de «desaprender», de desbotar estereotipos e prexuízos asumidos por herdanza, sen ser cuestionados. Ao igual que no caso do campamento Vimiverán presentado onte, tamén nas Escolas Municipais Culturais e Deportivas se busca a transversalidade, ir dando «pasiños a pasiños» cara a igualdade real. É un bo exemplo a Escola de Panillo, un oficio artesá que identifica esta Terra de Soneira e na que, entre o alumnado, hai dous rapaces, rompendo con esa idea de ser unha actividade cinguida só ao sexo feminino. Aprenden tamén, pois, a «destecer» roles.

Clausuras: cando e onde

Xa o pasado martes se clausuraron as escolas deportivas, mais aínda quedan as culturais:

Hoxe, 18.00, auditorio. Escola Municipal de Teatro, cunha mostra infantil e xuvenil. Retirada de entradas (de balde) en woutick.es. Esta escola é a canteira da representación teatral en Vimianzo: mozos que participan na obra previa ao Asalto formáronse mediante esta vía.

Mañá, ás 20.00, no auditorio. Función Sombras na noite de Woody Allen, representada pola propia Escola Municipal de Teatro. Retirada de entradas, de balde, en woutick.es.

Venres 26, ás 20.00, na sala Antón Mouzo. Inauguración de exposición de traballos da Escola Municipal de Arte e Panillo.

Sábado 27 de maio, ás 18.00. Festival de clausura da Escola Municipal de Música e Danza. Por vez primeira, será na Praza.