Unha placa en Calo para visibilizar, e nunca esquecer, a Elisa e Marcela

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Descuberta na antiga escola desta localidade de Vimianzo unha lembranza perenne a Elisa, quen exerceu de mestra nela. Foron o primeiro matrimonio homosexual da historia de España, no ano 1901

16 may 2023 . Actualizado a las 22:50 h.

En véspera das Letras Galegas, na localidade de Calo, o Concello de Vimianzo inaugurou este martes unha placa na antiga escola da localidade, onde Elisa Sánchez Loriga impartira clase. Elisa e Marcela Gracia Ibeas, mestras, conformaron o primeiro matrimonio homosexual da historia de España, no 1901, e Vimianzo non quere esquecer o seu peso na historia destas dúas pioneiras. Mónica Rodríguez, alcaldesa; María José Pose, edila de Benestar Social, e Rosa Blanco, concelleira de Cultura, tomaron parte nun acto no que tamén estiveron presentes, ademais de María, actual propietaria da casa, Ailén Kendelman, Areta Bolado e Noelia Castro, piares da compañía teatral A Panadaría: dende hai seis anos xira coa obra Elisa e Marcela, da que emprenden agora, deica xullo, a súa despedida nos escenarios.

«Para nós é moi especial que un concello como Vimianzo, que ademais nos apoiou dende o principio, cando empezamos co espectáculo, dea agora un paso máis cara a visibilidade de Elisa e Marcela», comentaba este martes Areta de camiño a Soneira. A colocación desta praca enmárcase na estratexia municipal en pro da igualdade, a inclusión e prevención de violencias, na que tamén se encadra a programación conmemorativa do Día Mundial do Orgullo LGTBIQ+, o 28 de xuño, dada a coñecer xustamente nesta xornada.

É aí onde, por suposto, non podía faltar unha das funcións desta xira de despedida da obra máis premiada de A Panadaría. Será o 14 de xuño, ás 12.00, no auditorio, co alumnado do IES Terra de Soneira como público preferente, mais posibilidade de acudir de xeito particular enviando unha solicitude a cultura@vimianzo.gal. Antes, ás 10.30 horas, terá lugar a mesa redonda Elisa e Marcela, o cumio do iceberg, coa participación de Gena Baamonde, dramaturga e directora, precisamente, da obra Elisa e Marcela; Eva Mejuto, escritora, xornalista e editora literaria, e Daniela Fernández, investigadora, activista e autora do libro A defunción dos sexos: disidentes sexuais na Galiza contemporánea. Memoria, arte, reflexión, diálogo e visibilidade nunha conversa á que o estudantado da ESO chegará preparado, en tanto que de xeito transversal traballará as vindeiras semanas nun caderno pedagóxico facilitado dende A Panadaría: prexuízos, linguaxe, diversidade... Unha ponte entre dous referentes de comezos do século XX e a actualidade. Tanto a función como a mesa redonda forman parte da programación do Pacto do Estado contra a Violencia de Xénero.

Ana García

Areta Bolado: «Casaron nunha cidade grande, pero viviron o seu amor no rural»

A de Vimianzo será a única función na Costa da Morte dentro da xira de despedida de Elisa e Marcela. Pasará A Panadaría por Murcia, Madrid, Valencia, Alicante, Salceda, Rianxo, Santiago ou Pontevedra, entre outras moitas localidades, mais Soneira será «especial», porque esta terra, como Coristanco ou Dumbría, tamén o foron para as mestras: «Vimianzo suporá case pechar un círculo, e ademais cunha función escolar, porque o espectáculo case que comezou aí. Elisa e Marcela casaron nunha cidade grande, A Coruña, pero viviron o seu amor no rural». Así, xunto con esta na comarca, outras dúas localizacións teñen encantadas á compañía: Casa Lourán, en As Restrebas, preto das Fragas do Eume, e Granxa Maruxa, en Monterroso. Simbólica tamén a función prevista no Teatro Rosalía coruñés, a 300 metros de onde Elisa e Marcela contraeran matrimonio.

Recoñece Areta que teñen unha sensación «agridoce» ao darlle o adeus a esta peza, estreada no 2017 e posuidora de case unha ducia de premios, entre eles varios do público ou o de Mellor Espectáculo nos María Casares 2018. «Foron unhas 270 funcións, pasou moito tempo, as circunstancias da sociedade son diferentes e pensamos que era o momento. Se fixeramos o espectáculo no 2023, e non hai seis anos, sería distinto». Porque se avanzou? «A historia non é liñal, un paso adiante, un paso atrás», di Areta. Unha lei trans que garante máis dereitos e despatoloxiza este colectivo, pero unha Coruña na que asasinaron ao berro de «maricón» hai só dous anos a Samuel Luiz.

Ana García

Vimianzo percorreu centos de teatros nesta peza de A Panadaría, que agora trunfa con As que limpan. De camiño a Dumbría logo de casar, Elisa e Marcela paran en Soneira «a facer pis», ri Areta. Pero ten o seu aquel, porque Elisa tivera que adoptar apariencia e rol de home [Mario]: «Marcela dille: ‘De pé, de pé’». A destas dúas mestras foi unha historia de dramas e violencias, «pero cremos que tiveron que botarlle moito humor e optimismo para facer o que fixeron», di a actriz. «Pertencemos ao colectivo LGTBI, sabemos o que é que conten as nosas historias dende a traxedia, queriamos facer un espectáculo dende a celebración que foi a súa vida, o humor para resistir», reflexiona Bolado. Unha comedia que achegou unha historia extraordinaria, mais por moitos descoñecida, sobre todo aquí onde aconteceu, pese a ter sido divulgada ata en chino.