A rapazada foi a protagonista do San Vicenzo vimiancés

M. López CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

A Consellería de Política Social pasou onte pola localidade co seu «Día da xuventude», e o día anterior a comisión de festas ofreceu colchonetas e animación para os máis pequenos

23 ene 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre xaneiro e abril, e para conmemorar o Ano Europeo da Xuventude, a Consellería de Política Social pon en marcha un programa de lecer e educación dirixido á xente moza que levará numerosas actividades de entretemento e divulgación a unha trintena de concellos galegos. Vimianzo foi un deles, e alí se celebrou onte un «Día da xuventude» no que houbo xogos e degustacións gastronómicas, sensibilización ambiental e sobre igualdade, un taller de grafiti, ambientación musical, habilidades para a empregabilidade e actividades de lecer deportivo como fútbol burbulla, futbolín humano ou tiro con arco, entre outros. Ademais, para finalizar actuou a asociación tradicional Trubisquiña.

Numerosos mozos de entre 10 e 18 anos pasaron ao longo da tarde por unha Praza do Concello que estivo ateigada de actividade saudable e educativa. «Para ser a primeira vez que se fai, está sendo unha moi boa xornada. Moi interesante ofrecer alternativas á mocidade para socializar participando en actividades saudables e creativas que favorezan, tamén, o seu desenvolvemento intelectual», comentaba na tarde de onte a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez.

Isto mesmo, asegura, foi o que lle trasladou á directora xeral de Xuventude, Cristina Pichel, que visitou a capital soneirá: «Comenteille a posibilidade de seguir traendo a Vimianzo actividades deste tipo. Véxolles potencial, aínda que hoxe [por onte], ao ser a primeira vez e ao coincidir xusto despois da festa de San Vicenzo quizais non houbo tanta xente», engadiu Rodríguez.

BASILIO BELLO

Precisamente a comisión de San Vicenzo reservou un apartado da súa programación festiva para entreter aos máis cativos. Foi na tarde do sábado, con colchonetas para o goce da rapazada e animación e música a cargo de Damián Rodríguez, máis coñecido como DJ Rokiño.