Tres docentes que din adeus ás aulas nas Pontes

ana f. cuba AS PONTES / LA VOZ

VIMIANZO

De esquerda a dereita, Mary Carmen Pardo, Fina Blanco e Juan José Bermúdez, no parque nas Pontes
De esquerda a dereita, Mary Carmen Pardo, Fina Blanco e Juan José Bermúdez, no parque nas Pontes JOSE PARDO

Fina Blanco, Juan José Bermúdez e Mary Carmen Pardo, ensinantes por vocación, repasan as súas traxectorias, que culminaron na vila mineira

26 nov 2022 . Actualizado a las 17:08 h.

Hai dúas semanas que os compañeiros lles organizaron unha despedida, logo dunha vida enteira dedicada á docencia. Agora, estes tres mestres xubilados repasan as súas traxectorias, que culminaron nas Pontes. O primeiro destino de Fina Blanco (Cariño, 62 anos) foi o colexio pontés de Santa María. «A miña familia era humilde pero buscou a maneira de que puidera estudar, cunha beca, e cumprir o meu sono de ser mestra. Se volvera nacer seríao de novo», comenta, agradecida. De alí pasou á escola de Senra (Ortigueira) e despois ao Monte Caxado, nas Pontes, onde tamén deu clase no colexio da Fraga e onde se xubilou, no Magdalena, logo do peche do Monte Caxado.

Polo medio, ao pouco de nacer a súa filla, déronlle a praza definitiva en Vimianzo, na aldea de Baíñas. «Canto chorei... deixaba á nena con seis meses e levaba ao neno, de tres anos, que ía comigo á escola. No segundo ano xa levei a Paula, con dous aniños», recorda. Logo tocoulle Muras. «Foron experiencias de vida», subliña esta filla, neta e irmá de mariñeiros, que naceu nun pobo de mar (bautizárona na igrexa da Pedra) e se criou agachando tesouros na praia. Ata os 14 anos, cando deixou Cariño para estudar no Liceo La Paz, na Coruña.

Retirouse hai dous anos, logo de 37 de docencia. «Cambiou todo [...], a dinámica de traballo na aula depende de como te adaptes, sempre atopei alumnado e pais e nais encantadores, igual que os equipos directivos e os compañeiros. Quedo con todo o positivo», di. Da escritora Helena Villar, coa que comparte oficio e amizade, aprendeu que «a verdadeira mestra morre sendo mestra». Do Monte Caxado, centro no que botou 18 anos seguidos, lembra a aula de medio ambiente, da que foi coordinadora, o horto ou o programa Voz Natura. 

Aprender do alumnado

Blanco aparcou as fichas dez anos antes de xubilarse. «Sen libros nin deberes... traballo cooperativo por mesiñas de cinco ou seis, cada un cun rol que ía rotando», detalla. Recoñece todo o que aprendeu cos nenos, aos que impulsaba a investigar e descubrir por eles mesmos o mundo: «Ti es a moderadora, co respecto de profe». Agora atopa aos exalumnos no parque ou no supermercado, ensínalle a reciclar á neta, Aloia, calceta, camiña... e sempre volta a Cariño, onde vive a súa nai. 

A Mary Carmen Pardo (Xermade, 63 anos) estrañoulle non ter que volver ás aulas en setembro. Estudou Maxisterio grazas a que unha profesora animou a seus pais, en Roupar de Arriba, a que a mandaran ao instituto. Desde o ano 2000 estivo no colexio da Magdalena, nas Pontes, onde vive dende hai tres décadas. Antes tocáronlle o da Fraga, o das Somozas, o do Barqueiro... e o primeiro destino definitivo foi Boiro, onde botou catro anos co seu fillo. 

Preescolar na Casa

Cunha comisión de servizos aterrou no programa Preescolar na Casa, traballando no rural con nenos de cero a tres anos e as familias. «Foi especial, vías como actuaban os nenos e como as nais aprendían unhas doutras», lembra. No Magdalena viviu o cambio de metodoloxías e retos: «Fun secretaria e tiven que pasar de facelo todo manual a xestionar o centro coas aplicacións informáticas que ían aparecendo, foi unha superación persoal». Cos nenos tamén viviu a transformación propiciada pola tecnoloxía.

«Os tres últimos anos estiven en 4.º, 5.º e 6.º de Primaria, antes exercín a miña especialidade de pedagoxía terapéutica», conta. Celebra «o bo entendemento» coas familias, «moi importantes en todo o proceso de educar e formar». Alerta da sobreprotección dos nenos e de como inflúe no seu comportamento o tempo «de calidade» que comparten con pais e nais, moitas veces escaso. E tamén do efecto dun uso excesivo das pantallas: «Había nenos que viñan con sono á clase». Docente vocacional, Pardo sostén que a responsabilidade a animou a mellorar, sempre con ilusión e gañas. Agora coida da súa nai, fai pilates e segue na Rondalla Vila das Pontes.

Nesta agrupación coincide con Juan José Bermúdez (San Sadurniño, 72 anos), fillo dun ferreiro que se mudou ás Pontes no ano 1954, cando se instalou a fábrica de Calvo Sotelo. «Eu tirei pola docencia, un profesor do colexio Nebrija animou a meus pais a que estudara, porque era lector», rememora. Leva dous anos apartado das aulas. Recorda as prácticas remuneradas —«cobrei catro mil pesetas na caixa de aforros, era ilusionante ver o froito do traballo, e legalmente contabilízase para a xubilación»—.

Iniciouse no colexio Montefaro, de Catabois, «tristemente desaparecido», onde botou unha década; e no 1980, ao aprobar a oposición, pasou a unha escola nun domicilio particular da rúa Penas de Guitín, en Canido, dependente do colexio de Catabois, e de alí aos barracóns das vivendas sindicais de San Pablo, con alumnado de Infantil —«das primeiras cousas que fixemos foi comprar escobas para as teas de araña; foi moi interesante, viña de Primaria pero estaba contento e pedín quedar alí»—, e ao colexio do Barqueiro —«un curso intenso, ía no transporte escolar, axudaba no comedor e iamos ao porto buscar peixe [...], todos os cursos estaban completos, ata tiven que dar clase na biblioteca porque non había onde meterse»—. 

A extinción do Monte Caxado

Xa nas Pontes, lembra con agarimo o curso de 2.º de Primaria do colexio da Magdalena —«polo bo entendemento entre docente e discente»— e a longa etapa no Monte Caxado, ata que se extinguiu —«eu era o director, foi traumático para o pobo, unha loita agónica desde o 22 de xuño [de 2017] ata que comezou o curso»—. Rematou a súa carreira hai dous anos no IES Moncho Valcarce, como orientador, labor que xa desempeñara no CEIP.

Critica a política educativa, «con cambios continuos, que fan que non se asente nada e vaian pasando as leis sen coñecelas a fondo... non é atribuíble a un dinamismo enriquecedor, senón a unha loita ideolóxica». A voluntariedade, sinala, vai suplindo os baleiros e a falta de motivación por parte da Administración. Malia todo, segue crendo «nese proceso no que dúas persoas se xuntan, unha con anos de experiencia e outra no seu desenvolvemento, nese proceso de humanización, axuda e orientación». Sen esquecer, recalca, «que a familia é a principal educadora».

O medio século que dedicou á ensinanza, «a mellor profesión do mundo», pasoulle «coma un lóstrego». Foi concelleiro, está no colectivo veciñal As Campeiras e di que desde que se xubilou non para: «Hai moitísimo traballo que facer, non é sentarse nun banco».