ESPECIAL LETRAS GALEGAS 2022 | Vimianzo, Coristanco, Malpica, Ponteceso ou Carballo apostan por estes recursos
14 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello de Vimianzo leva xa tempo vendo o bo resultado de unir ocio e patrimonio. Hoxe, ás 10.30, quedará inaugurado o programa de autocaravanismo que, durante toda a fin de semana, antesala das Letras, se levará a cabo no municipio, incluíndo andainas, visitas ao Castelo ou xuntanzas gastronómicas. Cereixo, os Penedos de Pasarela e Traba, a ruta Segredos do Val de Soneira polos tesouros naturais de Cambeda ou os Batáns e Muíños do Mosquetín forman parte dun percorrido no que, por tanto, tamén se aposta polos valores locais.
O mesmo fai Coristanco con esa ruta literaria Asunción Antelo ou Malpica, pois polo entorno da área recreativa do río de Vaa é por onde haberá esta tarde (18.30, gratuíta, inscrición alí mesmo) unha visita guiada complementaria á representación de Muiñada. Seguindo co potencial local, este Concello programou para o 17 a inauguración da sala Non canto por cantar, no Centro Artesanía e Tradición de Buño (12.00). Mostra de fotografías e documentos. Patrimonio inmaterial musical, con presenza de agrupacións locais.
Portas abertas no Melga de Ponteceso: 17 e 18
Conmemorando as Letras e o Día Mundial dos Museos, Fundación Pérez y Verdes, Melga de Ponteceso e Concello acordaron celebrar dúas xornadas de portas abertas no Museo Etnolúdico pontecesán: de 10.00 a 14.00 e de 16.30 a 20.00, con entrada de balde e visitas guiadas ás 11.00. Para inscribirse nestas últimas: 981 715 442, ricardoperezyverdes@gmail.com ou info@museomelga.com.
Premios e mostra do certame Xosé Manuel Eirís, en Carballo
Carballo ten instalada no Pazo, visitable ata o 29 de maio, a exposición Caras da alma, de Maribel Castiñeira. Dende onte, e ata o 30 de xuño, tamén se pode visitar a mostra correspondente ao 24.º Certame de Fotografía Xosé Manuel Eirís. Xustamente na tarde deste venres entregáronse os galardóns correspondentes a esta edición, citas incluídas no programa polas Letras Galegas. Foise o primeiro premio do Eirís, como xa se publicara, para o conquense José Ramón Luna de la Ossa, pola súa obra Miedo. Unha fotografía que, segundo explicou no acto de onte, se produce no medio dunha pandemia e das súas consecuencias, algo nunca vivido, «miedo sobre miedo» que persistirá, aínda que se vai vendo «un rayito de luz». «Dos imágenes de una misma niña, dos imágenes de mi hija Sara», explicou. Juan Rodríguez Pazos, como segundo premio, e Sandra Ramilo, como Premio Especial Carballo, xunto con Francisco López no accésit (non puido acudir, mais recolleu o galardón súa irmá), completaron o podio. Todos eles, ademais de detallar o proceso da súa obra, amosáronse honrados por ter logrado un recoñecemento nun certame de fondo prestixio que acumula 101 obras premiadas, 1.200 artistas participantes de moi diversos puntos de Galicia e España e máis de 3.300 creacións presentadas, segundo os datos que ofreceu o edil de Cultura, Marcos Trigo. Coma sempre tivo palabras de recordo para o carballés Xosé Manuel Eirís.
Tamén exposicións en...
En Coristanco, Tesouro da lembranza, sobre Florencio Delgado, ata o 30 de maio, no edificio de Servizos Múltiples. No Centro Cívico de Malpica, do 20 de maio ao 30 de xuño, Carrexadoras, da muxiá Viki Rivadulla.