«A Sariña» busca pretendentes dalle a benvida a novas parellas de concursantes

h. r. REDACCIÓN / LA VOZ

VIMIANZO

O programa da TVG presentado por Lucía Regueiro emite este mércores ás 23 horas unha nova entrega

20 abr 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

A Sariña busca pretendentes, o concurso que ten como premio final unha casa, emite este mércores, a partir das 23 horas, unha nova entrega en Televisión de Galicia. Despois de que a semana pasada a parella azul formada por Rosa e Iván conseguise clasificación directa para a final, e tras vivir un novo desterro, o da parella verde formada por Bibi e Javi, esta noite incorpóranse dúas novas parellas que loitarán con Pepa e Carmen por conseguir unha praza na final.

Desde Vimianzo veñen Juan e Damián, os cherinkas, dous amigos de toda a vida. Tamén incorpóranse desde Fisterra e Neda Alba e Manel, «os tiktokers», outra parella de amigos que se coñeceron grazas ás redes sociais.

 

Nas novas misións de reforma, unha das parellas terá que traballar no comedor e escaleira; a outra tocaralle obrar no salón e distribuidor; e a terceira tocaralle traballar no exterior, concretamente na fachada lateral da vivenda. Para saber que parella afronta cada reto haberá que agardar ao resultado da proba de habilidade.

Na Sariña van andar moi revoltos, e algo parecido pasará coas xentes de Erbecedo. Neste caso, Lucía Regueiro axudará á veciñanza coa organización das citas, deseñando probas a medida que permitan coñecer rapidamente as virtudes e defectos das tres parellas de concursantes.

O resultado deste periplo verémolo na gala final do programa, na que se vai facer entrega das dúas chaves que hai en xogo. A emoción está servida e canda ela haberá risas, choros e algunha que outra rifa. Este concurso é dos difíciles. Pero tampouco dixo ninguén que gañar unha casa no Verxel de Bergantiños fose sinxelo.

Tamén cada mércores, despois da emisión do programa, os espectadores da Televisión de Galicia terán a oportunidade de coñecer máis detalles da evolución dos concursantes coa emisión de Sempre nos quedará A Sariña, unha mesa de debate protagonizada por cinco veciños de Erbecedo e que comentarán todo o acontecido en cada programa. Os veciños verán como se comportan as parellas na obra e coas outras parellas de concursantes cando non os teñen diante. Neste proceso descubrirán algunhas sorpresas, unhas gratas e outras non tanto.

As novas parellas

Os «tiktokers» de Fisterra

-

Alba e Manel veñen dispostos a revolucionar a Sariña igual que revolucionan as redes sociais coas súas publicacións. Son «os tiktokers» de Fisterra e Neda. Alba ten 31 anos é de Sardiñeiro (Fisterra) e peiteador de profesión aínda que gran parte do seu tempo o adica a crear contido nas súas redes sociais. Así coñeceu a Manel, de 56 anos, un carpinteiro de Neda para quen o traballo coa madeira non ten ningún segredo. A obra de rehabilitación de A Sariña non será un lugar tranquilo coa chegada desta parella, que combinará o traballo duro que desenvolve para impresionar ao capataz coa leria que teñen. «Os tiktokers» non pasarán desapercibidos na Sariña nin entre os veciños de Erbecedo que non están afeitos a tanta algarada.

Os «cherinkas» de Vimianzo

 

Juan e Damián son amigos da infancia. No seu Vimianzo natal fixeron mil e unha trasnadas e agora veñen á Sariña con ganas de divertirse e divertirnos, pero tamén descubrirán a súa faciana máis responsable. Ambos teñen 36 anos, Juan é monitor infantil e de actividades físico deportivas e un coñecido instagramer. Precisamente a través das redes sociais coñece a outra concursante, Alba a «tiktoker», coa que non hai precisamente un bo entendemento. Damián, pola súa banda é técnico superior en actividades físicas e adestrador persoal, ten o seu propio ximnasio en Cee. Damián conseguirá frear a Juan nos enfrontamentos con Alba en moitas ocasións. O alcume de «cherinkas» é unha lembranza dos seus tempos na asociación xuvenil dese nome.