A entidade Neira Marcos enche de encanto as camiñadas polo entorno

Xosé Ameixeiras
A. Lavandeira CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

X. AMEIXEIRAS

A asociación, de Salto, Vimianzo, xa ten programada unha nova iniciativa dado o éxito de acollida

23 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

A asociación Neira Marcos de Salto (Vimianzo) acaba de inventar una nova modalidade de sendeirismo, que deu en chamar rutas teatrais, camiñadas polo entorno cheas de sorpresas: representacións, baile, café, chocolate e mostras etnográficas. Eran case medio cento de persoas, e moita rapazada leda.

O sábado experimentaron con grande éxito a primeira convocatoria. A saída tivo lugar da praza do Concello de Vimianzo, con rumbo aos petróglifos do prado da Cruz, onde o seu descubridor, o mozo David Roget, disertou amplamente sobre a arte rupestre e os motivos expostos nos dous paneis desta estación de gravados prehistóricos. Trala subida á Cruz do Loureiro, onde houbo unha nova explicación sobre este lugar, punto de execucións sumarias nos tempos do feudalismo, a comitiva emprendeu a subida ó monte de San Bartolo, o segundo punto en altura da Terra de Soneira. Alí, lugar de antigos cultos pagáns, é un espazo de romaría de onde os veciños levaban puñados de terra para botarlle ós trigais e ter boas colleitas. O día estaba claro e víase ben o santuario da Barca, o mar de Camariñas e outros paraxes da Costa da Morte.

No San Bartolo houbo parada para café, chocolate e doces, pero quen máis sorprendeu, foi a interpretación da Muiñeira do Areal por parte de nenos e nenas do grupo Foliada do Río Grande.

Seguiu a andaina, moi animada, monte abaixo cara Castro, pero nun cruzamento de camiños tres mulleres sorprenderon aos visitantes coa representación dunha peza chea de humor e retranca que espertou as risas e os aplausos dos presentes, Tareixa Ferreira, Sara Rodríguez e Caridad Albela deron vida a tres rexoubeiras que ata acabaron cantando a capela un Non chas quero.

Estaba prevista unha parada na igrexa parroquial, pero a mañá xa ía vencida e houbo que animar o paso polo vello camiño sacramental cara Cainzadas, onde José Pose lle amosou aos asistentes como se trata con vacas do país e máis varios enredos tradicionais: aros, chifres, piogas, pegas para o gando e outras pezas artesanais espertaron a curiosidade de moitos nenos que nunca vira un instrumental xa esvaecido no tempo. No Careixo, Sara Lavandeira e Carmen Fidalgo amosaron como as mulleres lavaban antigamente a roupa no río, momento que se viviu con rexoubeos, recordos e ledicia.

E por último, Castromil. No salón parroquial había petiscos variados para atender o apetito que xa estaba vencendo a moitos dos camiñantes. Dicían as da directiva de Neira Marcos que contaron tamén coa colaboración imprescindible de Víctor Santos, Luis Miguel Antelo, Furancho Vimianzo, así como do Concello de Vimianzo e a Deputación de A Coruña. Tan satisfeitos quedaron uns e outros que o vindeiro sábado haberá unha segunda oportunidade. Será un percorrido dende Castromil, pasando polo Vadalama, a vella forxa de Señoráns e os batáns do Mosquetín, con tamén sorpresas de pezas teatrais e similares. E petiscos. Convén non perdelo.