Vimianzo afianzou a súa renovada Muiñada

Patricia Blanco
P. Blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

A ruta teatral, os concertos e mesmos os xogos tradicionais en torno ao millo tiveron moi boa resposta

07 nov 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao ritmo que voaron as entradas e os bonos, todo parecía indicar que había ganas de Muiñada en Vimianzo. E confirmouse. Logo do parón pola pandemia, a sexta edición, onte, tivo un tempo «espléndido», contan dende a entidade Cherinkas. Pola mañá, arredor de 70 persoas, divididas en grupos, participaron na ruta teatral polos muíños de Cambeda e Ogas. Unha lavandeira, un emigrante, unha curandeira, un bandido, unha propietaria con miras de futuro na fábrica da luz... Personaxes da Galicia dos 50, interpretados por estudantes do instituto Terra de Soneira, dinamizaron o percorrido, que acabou cun café e pequena foliada no merendeiro da presa do Xanote.

Logo, no tempo do vermú, a actividade trasladouse ao muíño da Gándara, onde un sinxelo escenario ao seu lado, dúas cadeiras, serviu para que Davide Salvado e Fransy González interpretasen músicas galegas, de Portugal ou Zamora. Cun estrito protocolo anticovid, puido a xente gozar de pé. A iso das sete, Xabier Díaz e as Adufeiras ensaiaban para o seu concerto de Serán no Muíño da Agra, onde tamén actuaría a formación Ailá, creada pouco antes da pandemia. Para eles, sería o primeiro concerto no que poderían ver á xente bailar.

BASILIO BELLO

Antes, pola tarde, o Muíño das Pasantes foi territorio de xogos vinculados co millo: o chinchimoni, torres de cadolos, lanzamento de millo e tamén de pés de millo (a modo de xabalina). Acompañou o muiñeiro coas súas explicacións. Mónica Rodríguez, alcaldesa, destacou a implicación social da festa, de quen a fixo posible, a posta en valor destes espazos patrimoniais e tamén da cultura galega. Na organización da Muiñada colaboraron Concello e Deputación. «A xente respondeu moi ben», di Cherinkas. Foi unha Muiñada renovada, adaptada aos tempos que corren, pero unha Muiñada ben afianzada.