Copas e aneis, unha viaxe ao pasado vixiada pola lúa

Xosé Ameixeiras
Xosé Ameixeiras CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

XOSE AMEIXEIRAS

Gran Noite dos petróglifos polo monte da Cruz de Vimianzo

21 sep 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Vimianzo encanta pola noite. A lúa regalou aos participantes na ruta dos petróglifos do sábado unha experiencia chea de sensacións. Medio cento de persoas gozaron da experiencia de descubrir a outra cara da capital soneirá, a faciana agochada da arte rupestre adobiada cunhas fermosas vistas nocturnas do val vimiancés dende a Cruz do Loureiro.

Concello de Vimianzo e Colectivo A Rula argallaron esta aventura. Os camiñantes saíron da praza municipal. Parece que había présa, pois os grupos subían con moito ánimo cara Tedín. Xunto ao pazo Trasouteiro houbo unha parada. Pablo Sanmartín, secretario da Rula, explicou o que, para el, é o escudo máis «curioso e fermoso da Costa da Morte». Destacou a torre e as dúas pólas, dos Ramos; a aguia, dos Aguiar, e as estrelas, dos Paredes, ademais do home verde, relacionado de antigo coas deidades da natureza, e mais dous sereos.

O interese da corporación municipal polo percorrido fíxose moi evidente, pois un terzo do pleno, todas mulleres, camiñaron cara o monte da Cruz. A propia alcaldesa, Mónica Rodríguez, e as concelleiras do goberno María José Pose e Rosa Blanco, e Chus Barbeira, da oposición. E tamén había rapazada, entre ela Lara, Damián e Martín, que fixeron o percorrido como auténticos campións.

En Somontemío, no prado da Casa das Eguas, Luis Lecler, presidente da Rula, e Pablo Sanmartín explicaron que o círculo concéntrico descuberto a partir do achado de David Roget, é o maior da Costa da Morte. Está formado por seis aneis e ten un diámetro de 106 centímetros.

Foi neste intre cando os da Rula explicaron que grazas ao labor do mozo David Roget, Vimianzo pasou dos 11 petróglifos catalogados a 25. Localizou 14 rochas gravadas en 7 enclaves do val de Vimianzo, a maior parte deles á sombra do monte da Cruz. Cara alí guiaron os seguintes pasos.

A seguinte parada foi no Prado Vello, unha cazoleta a cinco coviñas unidas por un suco danlle máis misterio a unha formación rochosa que ben puido ter funcións de santuario pagán.

Unha das apoteoses da noite produciuse no Alto da Cruz. A lúa brillando no alto e o val de Vimianzo aos pés, iluminado, fermoso, causaron grata impresión e sorpresa na expedición. Un miradoiro exclusivo que espertaba sensacións. Xusto nun lugar case de paso entre a vila vimiancesa e o monte de San Bartolo. Unha enigmática cruz, ademais de outras gravadas nas rochas próximas e unha combinación de tres coviñas, engaden valor ao conxunto, no que a tradición oral sitúa como lugar de execución de rebeldes. Antón Bouzas leu os secretos do ceo para satisfacción dos presentes.

Abaixo, no Prado da Cruz están as xoias dos petróglifos do Val. Un conxunto de nove combinacións circulares, algunhas de 50 centímetros de diámetro, entre outros motivos abstractos típicos da arte rupestre atlántica, entre os que se inclúen tamén o que os británicos chaman cups and rings, copas e aneis.

A presenza destes gravados sorprendeu a moitos dos presentes pola súa plasticidade e pola gran cantidade de figuras, se ben aínda pode haber máis ocultas debaixo da terra.

Os da Rula loaron o interese do Concello por coidar e promover o seu patrimonio e a alcaldesa deu as grazas aos que traballaron na ruta e prometeu seguir valorando o que proporciona experiencias tan gratas.