Carmen Riveiro: «Aínda que estou traballando, no Castelo de Vimianzo síntome como de vacacións»

Nicolás Pose / m. r. CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

TURISMO A TODA COSTA | O fiado e preparado do liño é unha das artesanías presentes na fortaleza soneirá. Fala Carmen Riveiro, presidenta da Asociación de Amigos do Liño de Zas

20 jul 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Carmen Riveiro Ferreiro (Zas, 1949) é a Presidenta da Asociación Amigos do Liño en Zas, fundada no ano 1993 co obxectivo de recuperar a tradición manufactureira textil da zona. Carmen quere deixar clara unha cousa dende o principio: «O liño artesán non ten punto de comparación co industrial. Para empezar, non se engurra, polo que non dá traballo á hora de lavalo, ademais de ter mellor textura e durar máis». O traballo do liño é un dos oficios tradicionais presentes dentro da Mostra de Artesanía ao vivo, organizada dende hai 27 anos no Castelo de Vimianzo. Carmen é unha das fiadeiras que, durante todo o ano, de martes a domingo, están traballando nas súas pezas dentro desta exposición viva nunha paraxe de valor incalculable.

-Agora, logo de case trinta anos de traballo e de liderar a Asociación, pensa en xubilarse?

-De momento non, porque estou ensinando a dúas rapazas. Pero esas cousas sempre veñen de repente, non se pensan. Mentres poida, eu seguirei traballando porque é algo que me gusta facer a pesar de ser un traballo moi duro.

-Considera que existe un relevo xeracional para a profesión?

-Si, estou con esas dúas rapazas, porque aínda lles falta para traballar soas e, tamén, dende hai tres anos, traballa con nós unha rapaza co título de patronaxe e moda.

-A Asociación nace nos 90, un momento no que o liño case non se usaba. Como está agora o sector?

-O sector está case igual. Segue sendo un traballo moi duro e difícil. Facelo viable economicamente é case imposible, incluso para nós, que non pagamos local ao traballar no Castelo. Sería máis un complemento que unha dedicación a tempo completo.

-Como é traballar no Castelo de Vimianzo?

-Ás veces faise duro, porque algúns turistas non valoran o teu traballo e pensan que é unha afección para todo o mundo, pero son os menos. Traballar no Castelo é moi gratificante, síntome como de vacacións estando nun lugar tan bonito.

-Entendo que se non vos gustase o lugar, non levariades tanto tempo.

-Efectivamente, sempre e cando respecten o teu traballo. Levamos 27 anos, fomos os primeiros en estar aquí dende que empezou a Mostra de artesanía e, de momento, gustaríanos continuar outros tantos. Debemos agradecer á Deputación da Coruña e ao Concello de Vimianzo por manter aberto este espazo e permitirnos amosar o noso traballo aquí.

-Cantas fiadeiras están no Castelo?

-En verán estamos catro, e en inverno, tres. Somos dos poucos oficios que se poden ver durante todo o ano.

-Ademais de na capital de Soneira, onde están?

-Na Avenida Xeneral Vidal Ríos, en Baio, temos un baixo que funciona como un museo da historia do liño, a fibra cultivada máis antiga, aínda que agora estará pechado durante unha tempada. Temos intención de abrir un espazo nas Torres do Allo, pero, de momento, segue sendo un proxecto sen realizarse e sen data de inicio.

-Ata onde chega o liño de Zas?

-Non sabería dicilo con exactitude por todos os turistas que chegan ao Castelo e levan algo, pero teño enviado a Francia, Italia e, por suposto, por un montón de lugares de toda España. Ademais, dende Artesanía de Galicia temos moito apoio cos selos de Galicia Calidade, engadidos ao noso propio selo de liño artesán. Tamén nos permiten obter un espazo en lugares como a Feira Mostrart na Coruña, a feira de artesanía máis importante da Comunidade.

BASILIO BELLO

-Por que comprar liño?

-O liño é a mellor fibra para o verán. Onde hai altas temperaturas non existe nada igual para vestir, aínda que en Galicia só sexa durante uns meses, ter prendas ou sabas de liño é unha opción perfecta para este tempo, xa que se trata dunha fibra natural, resistente, lixeira e, sobre todo, bonita e elegante. Non só na roupa, senón tamén en manteis ou noutras pezas que facemos, o liño é un símbolo de elegancia, ben se ve nos vestidos do desfile que organizamos.

-Por mor das restricións, a Comida da Fía e o Desfile levan dous anos sen celebrarse. Teñen esperanzas no ano que vén?

-O ano que vén aínda está moi lonxe, pero tiñamos pensado nun desfile ao final do verán. Non quero dar predicións porque as restricións varían moito.