Poesía contra os muíños de vento nos emblemáticos Penedos de Pasarela e Traba 

Patricia Blanco
Patricia blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Celebrada este sábado unha xornada cultural de reivindicación desta Paisaxe Protexida 

23 may 2021 . Actualizado a las 00:27 h.

Anunciaran choiva e houbo quen se botou atrás por iso, mais non caeu gota no encontro Poesía polos Penedos, impulsado pola Plataforma Salvemos os Penedos: «Tivemos un día marabilloso», apunta Xan Fernández Carrera. Algo máis dun cento de persoas acudiron á chamada reivindicativa, puideron sentir a «presenza poderosa, xeolóxica, emocional, referencial», en palabras do mestre de cerimonias, Xurxo Souto. Soou a súa bucina. Falou de emoción compartida: «Hoxe é un día para sermos felices, para compartir». «Non é enerxía verde, é capitalismo salvaxe, e fronte ao capitalismo salvaxe, o poder das persoas, o poder da palabra, o poder da poesía», dixo sobre os parques eólicos proxectados neste entorno, razón de ser desta protesta poética levada a cabo este sábado contra os «espetos» cos que queren inzar unha Paisaxe Protexida.

«Enchemos de luz os Penedos coa palabra grande, coa música grande», dixo Souto para dar paso a César Morán, que abriu musicalmente o recital botando man de versos de Pondal. A música correu tamén a cargo de Trubisquiña, con pezas tradicionais durante a concentración inicial na escola de Pasarela, así como á chegada á Pedra Multiforme, onde interviron os distintos autores. Actuaron, asemade, pechando as palabras, antes de que comezase unha ruta guiada polo xeólogo Juan Ramón Vidal Romaní, andaina que se prolongou ata iso das 17.30. «A dignidade das persoas principia pola dignidade da natureza. Somos o país que dixo nunca máis», lembrou Xurxo, aludindo tamén á oposición anos atrás á canteira proxectada. Rosalía Fernández Rial, Arancha Nogueira, Estevo Creus, Modesto Fraga, Miguel Anxo Fernán-Vello, Miguel Mato, Miro Villar... Todos eles reivindicaron con versos «a marabilla». No canto de Xulio Valcárcel falou Fernando Díaz.

Unha ruta con Vidal Romaní por espazos e formas que para algúns foron «descuberta»

Dende a organización deste encontro amosáronse satisfeitos ao fin da xornada: pola asistencia, que era a que estimaban, polo comportamento da xente e tamén polo tempo que tocou. Satisfeitos, ademais, polas intervencións e polo que ilustraron. Miro Villar, por exemplo, elixiu para recitar un autor que ten estudado moito, o muxián Gonzalo López Abente, «o poeta galego que máis usa a palabra penedo nas súas poesías». Preto de 70 rexistros en diferentes poemas, nada menos. Non fala en exclusiva dos de Pasarela e Traba, senón dos da «costa brava», nome que prefería ao da Costa da Morte. Fernán Vello abordou a destrución da paisaxe natural, cultural e social a mans do espóleo.

En gran medida todo saíu segundo o previsto. Engadiuse ademais a intervención de Vidal Romaní, que mesmo antes da ruta que logo guiaría falou para os presentes da orixe deste espazo. Moitos elixiron quedarse á andaina e moitos falaron tamén da «descuberta». Transitaron o entorno da Cachucha, o Paiaso, o Cantor, chegaron ata a Galla de Pena Forcada e volveron por un tramo diferente ata a orixe, Pasarela.

Algúns dos presentes admitían que nada tiña que ver o percorrido actual, cunha ruta sinalizada e libre de maleza, co que anos atrás ten habido neste entorno, polo que incidiron en que é un camiño apto para facer con amigos, familia e pequenos. Os Concellos de Vimianzo e Laxe presentaron semanas atrás un itinerario, anunciando ese día a Xunta un Plan de Xestión, con doce anos de retraso dende a declaración de Paisaxe Protexida. «O único xeito de ser cidadán do mundo é coñecer o que temos diante dos fuciños», dixera Souto, animando tamén a mercar a guía de Lema Suárez. Para o 12 de xuño, doutro lado, está prevista unha andaina reivindicativa.