Javier García Pouso: un bo e xeneroso entregado á sociedade

Manuel Antelo IN MEMORIAM

VIMIANZO

Javier García Pouso
Javier García Pouso .

IN MEMORIAM | Nacido na Esquina, en Cereixo, levantou o seu fogar no Rabós, en Baíñas. Faleceu o pasado 27 de abril

02 may 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Javier García Pouso naceu na Esquipa, Cereixo, mais a vida levouno a construír o seu fogar no Rabós, en Baíñas, coa súa muller Lolita, as súas fillas, Noelia e Cristal, e mais co seu fillo Iago. Había quen o chamaba Javier de Baíñas, aínda que el era tamén de Cereixo, e de Carnés, de Carantoña..., de todos os lugares onde tiña algún lazo de amizade ou vivencia. Javier contaxiouse de rapaz da súa paixón polo compromiso veciñal e social, na casa da Esquipa, onde viven seus pais. Foi nos 80, naqueles tempos novos dun fornecer de ideas diferentes, de querer un Vimianzo distinto, nunha Galicia de seu, de loitar por unha sociedade mellor, aberta, moderna, máis social, cultural..., que comezaron seu irmán Xan e Moncho Gándara.

Foron tempos de encontro de xente vimiancesa inconformes con ideas opresivas, antigas, corruptas, acomplexadas..., que querían impoñerse na sociedade. Javier, como exemplo da mocidade soneirá en tempos difíciles, esmagadores e carentes de alternativas, tivo que coller a maleta cara Suíza para gañar a vida, e conseguir os recursos para emprender iniciativas autónomas na súa terra. Así foi como se converteu nun emprendedor cun taller mecánico no baixo do seu fogar. Sempre tivo claro que quería vivir con dignidade no seu país e na súa terra. Traballou arreo para sustentar e financiar os proxectos persoais e familiares. Sobre todo, para darlle aos fillos aquilo que el e moitos mozos e mozas do seu tempo non puideron ter: cultura, formación, a oportunidade de vivir un mundo mellor. Era dos que cría que valía máis deixar a cultura en herdo que moitos ferrados de monte.

Traballou arreo, pero a mala fortuna logo lle chegou polo lado da saúde. A enfermidade manifestada como dor extrema cercouno e pretendía vencelo. Mais a súa vitalidade, o seu sentido da loita, e o cariño da súa xente foron os alicientes para non sentirse derrotado. E gañou esa guerra, e logrou poñer a raia ese acoso da dor. Mais outra enfermidade nova atacouno á traizón. Metéuselle dentro e acabou gañando a guerra a madrugada do 27 de abril, cando Javier nos deixou prematuramente. Estaba en loita permanente contra a dor, mais non se lle notaba. Non lle escoitabas un chío, unha queixa. Non percibías desalento, derrotismo. A alegría, a vitalidade, o activismo, o optimismo..., foron trazos que definiron a súa forma de ser.

Comprometido cos seus, Javier construíu unha familia en democrática asemblea, onde entre todos ían achegando saber e ideas para tomar as decisións colexiadamente... Había uns principios, a honradez, a honestidade, a humildade, o compromiso coa terra e coa veciñanza, a lealdade entre eles e coas amizades. Rexían a República Democrática da súa casa do Rabós. E foron as últimas verbas que lles dixo á súa familia: «Seguide estes valores cando me vaia..., aínda que andarei por aquí, porque nunca vos vou deixar definitivamente». As ideas que bebeu de mozo foron as que forxaron a súa personalidade adulta.

En Baíñas, non dubidou en apostar por un proxecto controvertido e difícil de sacar adiante como foi o cemiterio veciñal, e o mantemento do tecido asociativo que o promoveu. Participaba como imprescindible nos eventos lúdicos como o antroido baiñán. Formaba parte da política con honestidade e lealtade, con ideas valentes e proxectos de futuro na procura do benestar e da felicidade da sociedade vimiancesa. Comprometido en causas nobres. Colaborador na celebración do Xantar do maiores, nas carreiras e outras citas sociais e culturais. Javier formou parte do equipo humano que iniciou a campaña altruísta de Nadal Vimianzo Solidario. Non dubidou en sumarse ao equipo da Xunta Local contra o Cancro. Javier foi moito máis do que acabo de dicir e do que podería seguir escribindo. Foi un dos Bos e Xenerosos que, sen ruído, ía axudando a construír esas «cousas» que serven para facer unha sociedade mellor. Seguro que forma parte desa interminable procesión de ánimas inmortais nas que Castelao poñía á mellor xente do noso país no seu discurso de Alba de Gloria. Javier camiña eternamente, nesa Santa Compaña, polas corredoiras e camiños soneiráns. Xa llo dixo á familia un intre antes do seu pasamento: «Non pensedes que vos deixo..., que vou andar por aquí grazas ao voso amor». Canta dor e tristura causou a súa perda! Queremos compensalas coa lembranza do seu cariño e dos seus valores que nos serven de guía ética e política. Ata sempre compañeiro e amigo!