María José Pose: «Na xuventude segue habendo machismo, desigualdade»

Cristina Viu Gomila
Cristina viu CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

ANA GARCÍA

A edila de Igualdade en Vimianzo cree que hai que concienciar a toda a sociedade

08 mar 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

María José Pose (Vimianzo, 1978) é concelleira de Benestar Social, Igualdade, Educación e Xuventude do Concello de Vimianzo. Defende que non existe «unha igualdade real» e que ese é o motivo da necesidade de «concienciar a toda a sociedade».

-É diferente a desigualdade na muller do rural con respecto á que vive na cidade?

-Existen desigualdades e iso é algo que ocorre en tódolos ambientes, pero no rural está máis establecido, perdura máis tempo e está máis encuberto polos costumes e porque hai ideas máis arraigadas. Temos que traballar máis a fondo porque ás veces non é tan fácil de ver, pero aínda que as dificultades son maiores, fíxose moito. A cuestión é que temos, pero non só nós, unha xuventude na que sigue habendo machismo e unha idea de desigualdade, aínda que doutra forma, máis enfocado ás redes sociais. Nese senso non hai tanta diferenza entre o rural e o urbano.

-Hai máis dificultades para acceder aos recursos?

-Si. Un exemplo diso témolo no CIM. No noso caso teñen que desprazarse a outro concello e moitas non poden facelo.

-Tamén é máis difícil ter traballo, que supón independencia.

-As oportunidades sempre son menos, pero esa é unha problemática xeral que fai que a xente deixe o campo e marche cara as cidades por un posto de traballo ou porque os recursos están máis a man.

-É difícil quedar?

-Segue a ser difícil. É un tema que falamos no Foro Voz. Existe esa idea de que o traballo no rural é escravo, vese dun xeito sempre negativo, sen oportunidades, pero agora, co covid isto está a cambiar. É unha das consecuencias. No rural pódese apostar máis do que realmente se pensaba porque aquí hai outro tipo de oportunidades, unha vida máis tranquila, aínda que se mantén o problema enorme da España vaciada. Unha cousa é pasar unha semana ou un mes nunha zona rural e outra decidir quedar. Pode ser que desta pandemia a única cousa que se pode sacar en positivo sexa precisamente esa.

-Para iso e para a igualdade son precisos servizos.

-Se os achegas é máis doado que se te tes que desprazar, se tes que facer o esforzo para poder conciliar.

-Ademáis, conciliar sempre cae do mesmo lado.

-Creo que é algo evidente, aínda que mellorou moito. Está cambiando, pero queda moito camiño por facer. É moi bonito dicir que hai que conciliar, pero normalmente hai un problema de base, que é que non tes os servizos para poder facelo. Se non te dan os recursos e tampouco tes facilidades desde as empresas é moi complicado. Temos que implicarmos máis desde as Administracións para dar estrutura, porque o papel o aguanta todo.

-A xuventude ten claro o da igualdade?

-Hai un traballo previo desde os centros educativos que dalgunha maneira está funcionando. Si vexo un pouco este cambio, que os papeis non están tan etiquetados, pero ese traballo ten que facerse nos centros, pero tamén na casa, onde seguimos a ter esas ideas estereotipadas, que son o fundamento do machismo. Se seguimos pensando que o rosa é para as nenas e o azul para os nenos estamos inculcando esa diferenza. Temos que seguir traballando porque esa mentalidade aínda existe. Os Reis Magos trouxeron máscaras rosas como detalliño para os nenos e houbo un rexeitamento importante. Foron as mesmas nais, ou pais, as que non querían que os nenos as colleran. Temos que seguir a traballar.

-É optimista?

-Si. Creo que as cousas foron mudando. Eu pertenzo á que quizais foi a primeira xeración que se empezou a impoñer un pouquiño e a facer o seu camiño. Creo que se foi cambiando, mellorando e xa non se oen expresións que antes se dicían porque estamos traballando, tratando de facer entender o que é correcto e o que non.