Sons na memoria: a murga Os Castromiles

suso de basilio

VIMIANZO

José Cernadas, fotografado hai dous anos
José Cernadas, fotografado hai dous anos Ana Garcia

En clave de solpor | Aquel rapaz do meu tempo, Pepe dos Cernadas, cumpre hoxe 77 anos de idade

25 mar 2021 . Actualizado a las 15:15 h.

Cando comecei coa miña recolleita musical, hai uns 18 anos por mor do libro A música en Corme, nunca maxinei que paseniño foran rexurdindo no maxín tantos belos recordos dunha xa distanciada puberdade cando vou camiño, este ano, dos 64 de oficio. E parece que foi onte!

Así, un día tras outro e agora para aledar este peche por mor deste impensable tempo nunca maxinado, fun reencontrándome e creando un ateigado grupo de amigos, moitos deles espallados por toda España, e outros, na diáspora. E todo isto, grazas ás novas tecnoloxías informáticas das cales e ao través do Facebook saíu un muro onde rememorar lembranzas dun tempo ido.

Foi desta maneira como estes días dei un brinco para atrás, a aquela idade dos 13 anos, cando tocando na parroquia de Salto (Vimianzo) e na romaxe da capela da Virxe Peregrina, na Lagoa, coñecín a aquel outro rapaz, tamén da miña idade. Pero cal foi o meu abraio, cando vía por vez primeira unha murga. «Que é iso?», preguntei. E iso, queridos amigos, era o que hoxe son as novas charangas. Nada novo hai baixo o sol que nos alumea cada mañá lustrosa. E aquel rapaz era Pepe. Comezara no Aprazadoiro (Laxe) cobrando 7 pesos (35 pesetas) daquel tempo como propina por non formar aínda plantilla e ir a maiores.

Fillo de José Cernadas Lema, nado no 1916 (finado o 25/12/2006) nas antergas casas de A Lagoa, seu pai aprendera na mili a tocar a gaita ao formar parte da Banda de Gaitas, Cornetas e Tambores. Unha vez na súa terra, decidiu formar no 1940 a murga Os Castromiles coa axuda doutros irmáns e afeccionados e tocando el o requinto, así, sen máis coñecementos. Lémbrome del e como bo amigo de meu pai, Basilio.

Mais, cal sería a miña sorpresa cando Pepe me di que el xa comezara aos 9 anos co seu saxo alto. E coma todos, coma nós, de cotío a pé ou camiñando, velaí a vella retranca. Dende A Lagoa ata a romaxe de Muíño (Zas). E a pé, lémbrame Pepe. E volta a pé ao rematar. Coma nós, a Banda.

E así foi como o nunca esquecido amigo, eses que non os borra nin a distancia nin o tempo, aos 14 anos pasou a formar parte da Orquestra Iris de Baio, coa cal seguiu estudos co noso lembrado compañeiro Lucho do Gandarolo. Xa un púbere, co seu saxofón e acompasado dun bombo, comeza en noites libres a amenizar bailes en cabanotes particulares de toda Soneira, un sábado ou domingo tras outro. Con cea e 250 pesetas, case nada para aquel tempo, a 125 pesetas cada un, ou sexa, 25 pesos da época.

Emigrante a Suíza

Ata os 18 que, como un galego máis colleu o camiño de Suíza en busca dun futuro mellor, malia que sería unha aventura por ir sen papeis. Vía Lourdes, en ofrenda, segue el e outros sete ata Bellegarde. Son arrestados a punta de pistola e deportados. De novo, volta ata París. E o tren, onde ao estar sen billetes teñen que abandonar. Con neve e mal como puideron, chegaron a San Sebastián e de novo á súa Galicia natal.

Pero a súa arela no país helvético non quedou así, e, agora con papeis en gra, volta esta vez a Lausanne. Mais, iso si, sempre co seu saxofón baixo o brazo. Compartindo múltiples tarefas, consigue fichar pola banda de música local, coa que percorre toda a zona dando renda solta á súa paixón musical. E público e compañeiros abraian escoitándolle El gato montés.

Por mor de cumprir cos 16 meses de servizo militar, tócalle para o Sáhara. Chofer do comandante, un bo destino, unha sorte. Ata que viu na cociña a cabeza dun camelo e aquilo quitoulle as ganas de comer. Unha vez cumprido, volve a Suíza ate o 1967, que retorna definitivamente.

Coma todo galego que un día saíu da súa terra, espertou nel a vea empresarial. Abre en A Coruña unha cafetería e neste mester loita tres anos. Retorna a Soneira e fundan el e seu irmán, pero xa casados, a que sería a empresa de por vida: Construcións Cernadas, de Vimianzo.

José Cernadas Valiña, Pepe dos Cernadas, o mesmo que tivo gusto para o saxofón, así o tivo para declarar o latexar con celme do seu corazón á que sería o amor da súa vida: María Dolores Tajes Valiña. O mesmo segundo apelido, pero nada de parentesco.

Unha mañá, o 18 do Nadal do 1971, déronse o si quero de por vida. E velaí o froito do seu amor: Diego, Mariana e Ismael, que a día de hoxe son os encargados da devandita empresa. Pepe e María Dolores coidan os seis netos na súa branca casa na beira do río da Ponte Roda de Vimianzo.

Hoxe, 16 de xaneiro de 2021, Pepe dos Cernadas, cumpre 77 anos, lévame 15 días. Así, e non podendo ir co acordeón por mor da pandemia tocárllelo persoalmente, deséxoche o clásico: Xappi Berdi Tou Llou (así á galega). Dende Corme, teu amigo: Suso de Basilio.