Os castrexos tamén facían reformas

Ana García / M. López CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Ana García

Importantes achados nas últimas escavacións no Castro das Barreiras, en Ogas (Vimianzo)

01 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Un castro, como ben di o arqueólogo Tito Concheiro, foi e é un espazo vivo. Un non debe quedarse só co que ve cos ollos, senón que debe mirar tamén coa mente para completar con moita imaxinación os vestixios dunha antiquísima sociedade.

Cada escavación no Castro das Barreiras, en Ogas (Vimianzo), aporta valiosos datos para coñecer como era a vida dos seus habitantes e ata o seu plantexamento urbanístico. Nesta última expedición, tal e como explicou onte Concheiro, recolleron importantes achados que viñeron a confirmar que a estrutura e distribución do asentamento sufriron diferentes variacións ao longo do período de asentamento.

Concluíron, por exemplo, que a única vivenda na que traballaron desta vez foi desmontada polos propios poboadores durante a súa estancia. De aí, supoñen os expertos, que non atopasen materiais metálicos como si o fixeran nas outras vivendas.

Ana Garcia

Outro dos aspectos nos que afondaron nesta última escavación foi a muralla. Segundo Concheiro, trátase dun dos elementos máis «espectaculares» do castro e explica, «entusiasmado», que foi construída inicialmente cunha estrutura escalonada, o que daría idea da súa magnitude. Por agora topáronse só cun chanzo, pero nalgún sector podería haber ata catro ou cinco (uns 6 metros de altura). Tamén encontraron signos de que, no seu día, o asentamento tería unha gran cantidade de construcións en madeira; entre elas, soportes para o que podería ser unha estrutura de acceso ao adarve, o paseo de ronda da muralla. Ademais, uns metros máis para dentro descubriron uns restos graníticos que seguen exactamente a mesma traxectoria e curva que forma a fortificación. O granito non é a pedra «propia de aquí», di Tito, senón que predomina o xisto. A hipótese que baralla o arqueólogo é que podería tratarse dunha «fase anterior da muralla» ou mesmo «unha construción anterior».

Ana Garcia

Este achado, no que pretenden afondar en futuras escavacións, tamén redundaría na idea do dinamismo dos castros, que irían mudando a súa organización en función das necesidades do tempo.

Igualmente interesante foi descubrir un vertedoiro cerámico con máis de 20.000 pezas que permite reconstruír a produción oleira na idade de ferro na comarca. Foi o segundo co que se topou Concheiro en Galicia na súa traxectoria profesional e non ten, di, «parangón». Como tampouco os restos de material romano que atoparon nun nivel superficial. Descoñecen se puido haber unha ocupación episódica ou ben unha máis estable cuxos restos puidesen ser destruídos pola actividade agraria posterior, na Idade Media.

Ana Garcia

O outro gran eixo no que traballaron foi a consolidación do xa descuberto noutras campañas. Nas Barreiras atópase unhas das cociñas -fogares- mellor preservadas do mundo castrexo, cun forno con dous espazos, un para cociñar e outro para quentarse. Para facilitar o proceso de divulgación, e por iniciativa municipal, xa que o ano pasado quedaron tapados, optouse por facer unha recreación destes fogares nas diferentes cabanas, para protexer os orixinais das inclemencias do tempo.

Ana Garcia

«As Barreiras sempre sorprende», conclúe Concheiro. Hoxe, precisamente, cúmprense 10 anos da primeira sondaxe que alí fixo, e a idea é seguir traballando para, a longo prazo, ter descuberto un espazo con ata 15 vivendas e a monumental muralla escalonada.