«Os arqueólogos traballamos para que a xente goce e aprenda»

Santiago Garrido Rial
s. g. rial CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

ANA GARCIA

TURISMO A TODA COSTA | Tito Concheiro destaca a parte turística do seu traballo nas escavacións do castro das Barreiras, en Ogas (Cambeda, Vimianzo), que se retoman hoxe: «O de Baroña foi un bo exemplo», di

15 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O arqueólogo Tito Concheiro (Ordes, 1966) regresa hoxe aos traballos de escavacións do castro das Barreiras, en Ogas, na parroquia vimiancesa de Cambeda. Xa pasaron dez anos (e tres alcaldes e alcaldesas) dende aquelas primeiras sondaxes da súa empresa Terra Arqueos, xermolo do que é hoxe un enorme traballo de investigación nun castro impactante e que ten aínda moito que ofrecer. Para os historiadores, dende logo, pero tamén para os visitantes, que xa teñen una parada moi definida para ver o que se agocha debaixo deses enormes muros nunha zona tan chairega. É a vertente turística do traballo arqueolóxico, que tan ben funciona en lugares como Santa Trega, Baroña (que Concheiro coñece ben polos anos que lle dedicou a escavalo) ou o de Borneiro, non lonxe.

-Como afrontan esta nova campaña?

-Con bastante entusiasmo. É un castro moi rico dende o punto de vista material e estrutural, e iso que só temos escavado o 5 %, moi pouco, pero suficiente para saber que o que houbo aí foi moi importante. A nivel comarcal é importantísimo. E, en canto ás campañas nós temos unha filosofía de traballo moi programática, moi definida, ano tras ano. Esta vez imos completar a do ano pasado, que xa foi moi fecunda, descubrindo dous niveis superpostos: no de abaixo unhas casas con cachotería, e sobre isto unha segunda fase. Aí houbo un longo asentamento, polo menos con dous niveis diferenciados. E agora imos ir cara a esa primeira parte.

-Cara a unha parte da muralla xa ten habido bos achados.

-Si, moi importantes. Hai moito material nunha zona que podemos chamar de paseo das casas cara ao interior da muralla. E todo o que vai aparecendo nas Barreiras non ten paralelismos claros noutras zonas de Galicia. É como se houbera elementos de moitas partes do resto do territorio galego, como se atraese obxectos doutros lugares.

-Na última campaña atoparon un betilo, unha peza cónica, simbólica, que podería formar parte dun lugar de culto. Poucos se teñen atopado.

-Pois si. Dá a impresión de que este barrio ou zona non era un lugar estritamente só doméstico, que había algo máis. Talvez comercial, relixioso, social... Pero en xeral o que vai aparecendo aquí é formidable, nada que ver no resto de Galicia.

-E cando saberemos a datación exacta deste castro?

-Este ano xa teremos a proba do carbono 14, así que teremos o dato. O que si sabemos con certeza é que é prerromano.

-Con centos de anos de asentamento?

-Máis de dous séculos, seguro.

-Tantos anos de traballo estanlle dando un enorme pulo turístico a Vimianzo.

-Si, e paréceme algo moi relevante. A arqueoloxía ten unha dimensión que vai máis aló da académica. Os arqueólogos traballamos para que a xente goce e aprenda. Hai que deixar de ser o reduto dos eruditos. Dende logo é unha ciencia, e funciona como tal, pero está ao servizo da sociedade. O visitante quere ver o que facemos, e gozar con iso. É emocionante: que había aí, quen viviu, que fixo... e tamén ten a faceta docente, de ensino. Falamos dun libro da nosa cultura escrito na terra.

-No caso de Vimianzo, dende logo, ten un pulo impensable non hai tantos anos.

-Certo, porque concorren varios aspectos. As Barreiras é un castro único, e ademais está moi incardinado en Vimianzo. Ten a estrada comarcal xusto ao lado, e iso dálle moita accesibilidade. E por riba os restos atopados son moi destacados.

-Así vai a xente que vai, constantemente.

-Ás veces é un aluvión. Porque é accesible, porque é bonito e porque a arqueoloxía gusta moito. E tamén, e quero resaltalo, porque o Concello apostou por isto como elemento dinamizador, e todos os alcaldes o fixeron. Isto a Vimianzo úneo moito. Aquí todo o mundo está de acordo, hai apoio unánime, é un recurso para Vimianzo.

-Canto vai durar esta nova campaña?

-Quince días, pero hai posibilidade de prorrogala. Dependerá, entre outros factores, do tempo.