De Aro ao Niñán

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

02 ago 2020 . Actualizado a las 20:54 h.

Dende a miña casa, vense uns cumes altos ao fondo dunha paisaxe bucólica e case de realismo máxico: o Monte Aro, en Mazaricos. A 550 metros de altitude eríxese coma un pico azul, que se enche de neboeiros e nubes cando a tormenta ameaza con azoutar con forza. Os maiores, sempre o nomean cando senten o cambio de tempo nos ósos. É símbolo de premonición e culto aos ceos.

Confeso que me sentín mazaricana de corazón toda a vida. Descubrir os recunchos de Mazaricos é en parte volver as orixes, camiñar sobre as pedras polas que camiñaron os nosos devanceiros. Cando vou á praza da Picota penso nas historias que me contaba meu avó. Alí, no campo da feira, hai moitos anos, xuntáronse moitos mozos para inscribirse no servizo militar obrigatorio, entre nervios, medo e valentía. Non obstante, se algo adoro de Mazaricos, son eses lugares menos coñecidos e cheos de vida. Un deles é Niñán que, xunto con outros coma Beba ou o Couquiño, resisten aos poucos á despoboación e o desleixo que sofre o rural. Se nos adentramos no Niñán, é ineludible acudir á Igrexa de San Tomé dos Baos, abrir os portais de ferro para coñecer un pouco máis das nosas raíces. A simple vista é unha igrexa humilde, sen grandes florituras arquitectónicas mais ten o seu aquel. Era a antiga igrexa dos Baos que foi trasladada pedra por pedra ao novo emprazamento, coma no caso de Portomarín. Por iso, cando un entra a contemplar a relixiosidade e o recollemento do templo, sente que está pisando un anaco da terra perdida.

Non fai falta ser raíña para facer unha xira turística de prezados tesouros. Son viaxes de mochila, termo e zapatillas e esas, acotío, adoitan ser as mellores. Abofé.