Veciños de Berdoias limpan e recuperan as súas eiras tradicionais

Na parroquia vimiancesa, ben rica en patrimonio, hai localizadas unhas 36

Mario Caamaño, traballando na Eira do Rego, en Rego dos Podres
Mario Caamaño, traballando na Eira do Rego, en Rego dos Podres

carballo / la voz

«O entorno vai collendo cada vez máis valor e eu, canto máis vou traballando, máis ilusión me fai. Estaba todo cheo de silvas», di Mario Caamaño. Veciño de Rego dos Podres, na parroquia vimiancesa de Berdoias, leva un tempo, coa axuda de seus irmáns, arranxando a Eira do Rego, e non só iso, senón todo o seu entorno: «É coma un pequeno conxunto: son dúas eiras, dous cabaneis, dous cabazos... A casa de meus pais está ao lado», detalla. Mario explica que aí están as súas raíces, e por aí quere que pase tamén o futuro. «Vouno facendo aos poucos», conta. «O que máis ilusión me fai aínda é o que está supoñendo isto para meus avós, Paulino Caamaño e Estrella Ogando: volvendo a levantar todo aquilo non só lles dei unha alegría, senón meses de vida. Ese era o seu mundo», di.

Aos seus 38 anos, traballador do sector forestal, Mario fala dun apego ao mundo rural, dunha calidade de vida diferente, e exemplifica un dos casos do proceso de recuperación das eiras emprendido polos veciños de Berdoias, animados pola Asociación Parroquial e polo Seminario de Estudos Comarcais (Semescom), particularmente a través da figura de Moncho Gándara. As dúas entidades promoveron un censo destes tradicionais espazos arquitectónicos ao ar libre: a día de hoxe, na parroquia, levan localizadas 36 eiras, e da súa limpeza vai quedando constancia nun álbum dixital en La Voz de Carballo. Estiman que serán postas en valor arredor de 25.

José Villar, recén chegado de Suíza, limpa a Eira do Vilar
José Villar, recén chegado de Suíza, limpa a Eira do Vilar

Uns veciños van tirando polos outros. Estes traballos son motivo de orgullo para eles, pero tamén para os que tiveron que marchar na procura dun porvir, que ven agora como volven lembranzas de tempos pasados. É o caso de José Villar Pérez. Ten 52 anos e emigrou con 17 para Suíza, onde traballa na construción. Van 34 fóra da terra, á que volve tres semanas no verán e unhas cinco ou seis no inverno. «A filla está aquí. Eu cheguei o venres coa muller a Santiago e aínda non descansei ningún día», conta rindo. O primeiro que fixo sábado e máis o domingo foi limpar a súa eira, a Eira do Vilar: «A isto chámanlle O Petón, pero fomos todos de Grixoa, é coma unha Grixoa nova», explica. Boa parte da familia reside en Suíza: «Levo toda a vida alí, e coñezo moita xente, pero isto tirarame sempre, chámanlle morriña», reflexiona José. «Vin isto das eiras, e pensei que a nosa tamén estaba algo abandonada. Por iso me puxen a limpala», explica, aludindo ademais ao empeño de Gándara. Para a semana limparán a eira do Cancela, veciña coa súa.

Moncho Lema, limpando a Eira do Carmelo, en Berdoias
Moncho Lema, limpando a Eira do Carmelo, en Berdoias

O divulgador, profesor de moitos rapaces da parroquia no seu día, foi asemade o que animou a Moncho Lema Suárez, recentemente xubilado, a intervir na Eira do Carmelo. «A propietaria é a muller», di Moncho. Casou para Berdoias hai máis de trinta anos, aínda que inicialmente residiron na Coruña. Agora, hai cousa de dous decenios que volveron. No seu caso, non lembran traballo na eira nin pombas no pombal: «A miña muller ten 52 e xa non o acorda, así que estamos falando de sesenta anos para atrás, moita historia. Ninguén se interesaba, e van quedando aí, aí... sen darlle demasiada importancia. Pero despois duns anos semiabandonada, agora limpámola. Gústame tela así, agora faría falta arranxarlle algo a parede da volta», dá cadra. Fala, tamén, desta «bonita» iniciativa: «Aquí temos un dolmen moi preto, e ao final á xente de fóra tamén lle gusta moito vir visitar isto», afirma.

Moncho Villar, limpando a Eira da Vilara, en Santa Cristiña
Moncho Villar, limpando a Eira da Vilara, en Santa Cristiña

Por motivos de traballo, Moncho Villar Villar, condutor de camión, reside na Coruña de luns a venres. Todas as fins de semana, di, acode a Santa Cristiña, tamén na parroquia de Berdoias, onde naceu e onde recentemente limpou a súa eira, a Eira da Vilara. «Limpar, tes que limpalas todos os anos», contaba onte mesmo. Cualifica de «moi boa» a idea da posta en valor deste patrimonio.

Os chans de pedra, moi ben conservados

As eiras eran o lugar onde se levaban a cabo moitas tarefas do agro, verán e inverno. Inspiraron, tamén, unha intensa creación cultural: literatura, música, arte... Non entanto, a maioría foi quedando en desuso xa na segunda metade do século XX e foron progresivamente perdendo atención. «Moitas é que estaban ao pé da casa, se ampliabas a vivenda, xa ían desaparecendo», di Moncho Villar. Conta que, no seu propio caso, a eira non está agora «como estivo toda a vida»: perdeu parte do muro da volta «cando se ancheou o camiño que pasa polo medio do lugar. Pero o piso de abaixo si, está coma sempre». O mesmo conta Mario Caamaño da súa Eira do Rego: «Era máis grande do que é, porque antes os animais ata daban volta nela. Pero pasou por alí a estrada da parcelaria e comeulle un anaco, algo mal feito, pero daquela...». «A nosa o chan, o piso, teno enteiro, como o tiña, pero á eira sacámoslle un anaco porque no seu día ancheamos para que pasase o tractor. Daquela non se lles daba valor», apunta José Villar. Todos, iso si, evocan traballos que lles traen boas lembranzas, como as mallas do centeo ou do trigo, xa máis tardiamente con máquinas. Falan de aveas, garavanzos, ervellas...

Pese aos avatares reseñados, en xeral o estado das eiras da parroquia é de boa conservación, sobre todo, como din estas testemuñas, no que se refire aos chans empedrados e valados perimetrais. Ademais dos mencionados, hai exemplos tamén nos lugares de Boallo, Pedra do Frade, Romar, A Casanova...

«Aquí na parroquia temos eiras, cabazos, alvarizas, pozos, fornos..., de todo»

Case «coma quen non quere a cousa, con Moncho Gándara», di Paquita Antelo, empezou este proceso de recuperación das eiras. Ela preside a Asociación Parroquial de Veciños de Berdoias e asegura que todos «teñen moi boa disposición». «Ten que haber unha persoa que anime», explica. A entidade, indica, é socia da Asociación Vía Mariana Luso-Galaica, que pasa por alí, así que isto vai ser un proxecto a longo prazo: «Cando teñamos toda a documentación reunida, nun futuro, queremos que forme parte da guía dese Camiño, porque nos parece algo moi interesante. Hai moitas aldeas, pero coma esta, que teñan tanta cousa... Aquí na parroquia temos eiras, cabazos alvarizas, pozos, fornos...», cifra.

Cre, doutra banda, que detrás da existencia de tantos elementos e mesmo da súa boa conservación, algo que non ocorre noutras latitudes, ten a súa orixe en que, en Berdoias, «non eran donos, eran caseiros, polo que non se podía mover nin unha pedra». Explica, ademais, que houbo moi boa colaboración por parte de todos: «É algo de toda a parroquia».

De feito, avanza que, pese a que o covid-19 detivo moitos dos plans da asociación que preside, queren nos vindeiros meses poñer en valor todo este patrimonio, e organizar unha xornada de malla ou mesmo facer unha fornada de pan. Recuperar oficios de non hai tantos anos, pero que aos máis novos xa lles van quedando lonxe, nin na memoria. Paquita, non obstante, ten na súa aquelas mallas, o secado das fabas... «A eira era onde uns veciños axudaban aos outros», evoca. O mesmo espírito de comunidade que agora está detrás deste proceso de censado e posta en valor que, de aquí en adiante, irá contaxiándose tamén a outros elementos.

A emigración deixou moitas aldeas sen relevo xeracional. A xente marchou «para Inglaterra, América...». Tamén para Suíza, como foi o caso de José: «Houbo que buscarse a vida, aquí viviamos da terra e...», di el. A presidenta da Asociación Parroquial de Veciños de Berdoias cre, doutro lado, que as Administracións deberían mirar ademais pola conservación de vivendas: «Os teitos aguantan das paredes, pero unha vez que cae o teito.... cae xa todo».

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

Veciños de Berdoias limpan e recuperan as súas eiras tradicionais