«Vemos aquí un camiño de felicidade que nos dá plenitude»

La Voz

VIMIANZO

Cedida

Javier Carballo, vimiancés, tamén será hoxe ordenado diácono. Recoñece que a decisión non é fácil, pero ten moita esperanza no seu futuro

11 jul 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Javier Carballo (Vimianzo, 1996) cumprirá os 24 anos poucos días despois de ser ordenado diácono. Xa dende pequeno quería seguir os pasos dalgúns familiares que foron curas e son referentes.

-Como apareceu o desexo por ser cura?

-Esta non foi unha decisión que se tomara dun día para outro. É como un proceso no que un ve o camiño a seguir, pero sempre aparecen dúbidas. A solución a isto é pedirlle consello a outras persoas como curas maiores que te podan orientar. Na miña familia ensináronme a rezar, leváronme a catequese, a realizar a comuñón, sempre me criaron así. Tamén inflúe o feito de que a miña avoa tivo un irmán e un tío curas e unha irmá monxa. Na miña familia sempre me falaban deles, de que eran moi queridos na parroquia e traballaban moito.

-Hai temor a deixar algunhas cousas atrás ao dar este paso?

-No diaconado temos que facer tres promesas: a promesa da obediencia ao bispo, a da oración e a do celibato. Non é un paso nada fácil. É algo grande e importante e tes temor ao futuro que vai vir, pero sempre con esperanza e alegría, xa que nós entendemos que este é o camiño que nos vai a dar a felicidade.

-No seminario había máis xente nova nas mesmas condicións?

- Éramos máis de vinte compañeiros e todos de diferentes idades. Algún podía ser o meu pai porque me duplicaba en anos e outros eran máis novos ca min. Cando me din que Deus e a relixión non é para a xente nova, pois digo que iso non é verdade. Nós vemos aquí un camiño de felicidade que sacia as nosas inquedanzas e nos dá plenitude.

-Cómo se chega a ser ordenado diácono?

-No seminario, eu estou no sexto curso e para ser cura son sete anos, así que aínda nos queda un. No ámbito dos estudos, os dous primeiros anos son máis de filosofía e letras e, a partir de aí, temos materias de teoloxía. Tamén, aparte dos estudos, está o tema da pastoral que consiste en que as fins de semana vamos a unhas parroquias que nos destinan para aprender modos de traballar diferentes, un cura diferente que nos ensina. Eu estiven os dous primeiros anos de prácticas na Pobra do Caramiñal, os dous seguintes en Cambados e estes dous últimos en Padrón. Sempre me sentín moi ben acollido e me animaron moito.