A parroquia de Berdoias atesoura un rico patrimonio etnográfico

moncho gándara

VIMIANZO

Os veciños desta localidade vimiancesa lograron preservar os espazos usados para as mallas

15 may 2020 . Actualizado a las 12:58 h.

A Asociación Parroquial de Berdoias, en colaboración co Seminario de Estudos Comarcais (Semescom), está a piques de rematar o censo dun patrimonio material, rico e variado que aínda atesouran os lugares desta comunidade do Concello de Vimianzo.

Entre os exemplos singulares deste censo están os das eiras, que son construcións complementarias das vellas casas-vivenda do noso rural, espazos arquitectónicos ó aire libre que noutros tempos centralizaron o traballo campesiño nos meses de agosto coas mallas do trigo, do centeo e da avea...

A eira e os labores de separar o grao da palla na malla, importancia socioeconómica a parte, foron motivo de inspiración dunha rica cultura popular literaria, musical e artística. No resto do ano as eiras tiveron outros moitos usos. Así, eran espazos axeitados para secar as castañas, secar e debullar as fabas ou outros legumes, esfollar o millo, secar a roupa. Incluso para os xogos infantís. A partires da segunda metade do século XX (coa mecanización, cambios en cultivos, novas necesidades e outros cambios inspirados na industrialización do mundo do agro) as eiras foron quedando progresivamente no abandono. Co cal foron rematando nunha constante e acelerada desaparición en gran parte das nosos aldeas.

Non entanto, Berdoias aínda é hoxe unha auténtica reserva das eiras, ese tesouro que a parroquia foi quen de ir gardando ao longo dos séculos e de mantelas lonxe da pica destrutora. Logramos censar unhas trinta, e cun número apreciable delas en aceptable estado de conservación tanto nos seus chans empedrados como nos seus valados perimetrais.

No medio desta importante reserva ben se poden destacar algunhas delas. Como a Eira da Rata, en Berdoias, e a Eira do Sores, en Romar. Son dous espazos con chans empedrados de lousas e bordos de cachotería, moi ben conservados. Ademais conforman con outras arquitecturas do pan, como cabanas e cabazos, cadanseus excelentes conxuntos, que aman lugares airosos e solleiros.

E máis. A Eira de Rúa, na Casanova, e a Eira da Gaia, na Pedra do Frade, son dous fermosos exemplares de pequenas estruturas circulares e cos seus chans nunha perfecta adaptación ó medio no que se asentan, feitos aproveitando in situ terreos rochosos, dunha soa laxe natural aplanada, no caso do da Rúa, e de tres laxes naturais aplanadas, no chan da de Gaia.

A eira circular do Buxán, en Santa Cristiña, xunto coa súa cabana, é tamén un exemplar ben conservado. Ten unha localización singular e privilexiada. Está nun lugar elevado, solleiro e ventoso. E tamén está e enclavada no medio do Curro de Santa Cristiña, ese gran cercado que se perde no fondo da historia con valados de pedra seca e xa documentado no século XVI, en tempos dos condes de Altamira «..para gardar o gando ceibo do monte».