Dende a xanela

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

27 abr 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Édomingo mentres escribo estas liñas no meu ordenador. Unha mañá onde, pola miña xanela, se filtran os raios dun día agradable e solleiro coa sinfonía das rulas e os merlos que sempre se oen. Conto coma un náufrago os días para volver a camiñar nunha fin de semana coma esta, coa tranquilidade que proporciona a liberdade. Creo que nos pasa a todos, comprendemos a excepcionalidade pero embárganos esa tristeza intrínseca ao estarmos todos engaiolados. O afecto non é algo que se poida suplir artificialmente.

Estraño, pois, todas aquelas cousas que dabamos por feito, incluso o aire limpo do monte ou o salitre do mar. O outro día, vin os vídeos que sobe o Concello de Vimianzo dos comercios locais que mandan mensaxes de ánimo á cidadanía, unha iniciativa para fomentar os locais que actualmente están clausurados. Entón pensei nos cafés no Celme, entre esas marabillosas fotografías que che levaban a outras épocas, a outras vidas. Soñei con volver ao Hilton a comer un dos seus deliciosos bocadillos, que che preguntase que vas tomar cando sempre comes o mesmo alí, como tradición irrefutable. Por estrañar, estraño simplemente camiñar pola rúa sen olladas de desconfianza, sen máscaras ou luvas de nitrilo. O máis sorprendente é que cando ollaba estes vídeos parecía que fosen partes doutra vida. Quizais sexa verdade que os humanos temos un gran poder de adaptación, que socioloxicamente somos diferentes. Boto de menos saír desta gaiola e abstéñome, pois, de observar aos paxaros que viven así con tenrura, fágoo agora con mágoa.

Non obstante, que teñamos saúde, que ninguén nos falte cando volvamos querer tomar ese café ansiado nunha terraza mentres vemos a caída do sol. Non hai nada máis importante que a vida.