Carmen Cundíns: «Dixo que estaba mal, fun por unha veciña e cando volvín xa non falaba»
VIMIANZO
A xunta local contra o cancro de Vimianzo afronta a súa primeira cea para recadar cartos pola causa. Carmen Cundíns é a presidenta da entidade
26 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.A xunta local contra o cancro de Vimianzo non ten máis que uns meses de vida, pero o 14 de marzo afrontará a súa primeira cea-baile, o primeiro acto para recadar fondos. Carmen Cundíns Varela, que é a presidenta, e as demais compoñentes da entidade están moi animadas. Teñen claro que é unha das ferramentas para combater unha enfermidade.
-Como vai a venda de entradas?
-Temos algunhas vendidas e outras apalabradas. A xente é moi solidaria, pero é a primeira vez que se fai en Vimianzo. Non tivemos problemas cos regalos que se van sortear. Tódalas empresas do pobo, do entorno e mesmo de fóra, como Baio, queren colaborar. E temos xente que chama desde Zas, Cabana ou mesmo desde Carballo, Hai persoas que van a tódalas que poden para facer os donativos.
-E tamén virán as compañeiras de outros lados.
-Si. Teño moita relación coa presidenta de Camariñas e xa dixo que serían cinco e tamén quedei en falar coa presidenta de Cabana. Pouco a pouco ímonos coñecendo todas e formando unha pequena gran familia. As que levan máis tempo axudan ás que levamos pouco.
-Como foi de coller a presidencia?
-Viñeronme buscar... Foi Dita Pérez Rodríguez, a vicepresidencia. Vimianzo necesitaba isto, como teñen os outros pobos, para meter o noso graíño de area e colaborar con esta causa.
-A maior parte das persoas implicadas nestas agrupacións teñen ou tiveron a cancro moi preto. Cal é a súa historia?
-Nós temos a irmá de Dita, que tivo dous fillos moi enfermos e que agora están a traballar, e a miña prima Sandra, que é a secretaria da agrupación. Eu quedei orfa con 16 anos. Meu pai morreu aos 43 e miña nai, nove meses despois, aos 37. Meus irmáns tiñan 13, 12 e 3 anos o máis pequeno. Non nos recuperáramos da morte de papá cando mamá empezou con dores de cabeza. Dixeron que eran nervios. Era unha viúva de 37 anos con catro fillos. A véspera de Fin de Ano dixo que se encontraba mal, chamei a unha veciña e cando volvín xa non falaba... É algo que non se esquece.
-Que é o máis necesario na loita contra o cancro?
-A investigación é moi moi necesaria e non só iso, senón calquera axuda ao enfermo, o apoio psicolóxico. Nós non levamos moito tempo, pero temos unha coordinadora que si e que pode dar resposta ás demandas, como as axudas para os traslados aos hospitais de Cee ou da Coruña. A xente que o precise pode chamar.
-Rara é a familia que non teña algún caso.
-Si, cada vez hai máis casos porque grazas á investigación se diagnostica máis, pero tamén hai máis xente curada, que se recupera, que está operada ou tratada e que está aí. No noso equipo imos todas a conseguir fondos porque se a investigación queda parada nós quedamos paradas.
-Que lle diría á xente de Vimianzo?
-Que axude, que colabore, que pense na xente que esta a sufrir a enfermidade, mesmo nenos. Co que recademos podemos colaborar. Esta é unha loita estupenda que podemos facer entre todos. A investigación fixo que chegaramos onde hai anos non se podía. Adiantouse moito e foi grazas a iso.
-Pero o que están organizando non deixa de ser unha festa, algo pensado para pasalo ben.
-Si, será no restaurante Pastoriza e o prezo é de 30 euros por persoa. Haberá un menú de paella e carne, que está moi ben. Tamén teremos música para amenizar e o sorteo de regalos.