As flores que quedan no camiño

Natalia Lema
Natalia Lema ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

24 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai veces que as flores non teñen tempo de secaren, ou polo menos así aparentan. Non porque non sexa o ciclo natural da natureza, máis ben é porque alguén se encarga de repoñelas para estaren sempre no seu esplendor.

Isto acontece na recta que vai de Caxadas a Ogas, no tramo que ten tres carrís. Alí, nun punto transcendental para unha familia, atópase un testo sempre repleto de flores e unha sinxela cruz, se non me falla a memoria. Hai anos, indo en bus, vía unha muller de mediana idade que camiñaba polo linde da vía para depositar a ofrenda de tódalas semanas. Se son sincera direi que descoñezo a tráxica historia e Vimianzo non é tan grande para non poder preguntar sobre o accidente. Porén, prefiro non coñecer o relato, hai veces onde non son necesarios os epitafios para coñecer a inmensidade da dor allea. O que si sei é que leva moitos anos o altar improvisado alí, xunto as rochas que forman de maneira natural un corredor.

Cheguei á conclusión de que esa nai leva flores porque quere que todos teñamos presente que naquel punto perdeu a quen amaba. Dinos co triste recordatorio que lle teñamos amor á vida, ás cousas que verdadeiramente importan. Algo que tantas veces esquecemos polas présas cando o importante é chegar ao destino, non á hora de chegada.

Hai quen di que as flores non serven de nada, que o importante é coidar ás persoas mentres vivan. Escóitollo moitas veces á xente de idade. As flores na recta son o claro exemplo de que existe un amor póstumo, diferente e pausado e non por iso menos intenso alén do tempo. Estas flores valen de moito. Vaia dende esta pequena columna toda a loanza a esa muller que non relega os seus defuntos a un esquecemento sen piedade.