Tractoradas

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

VIMIANZO

17 feb 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

As ringleiras de tractores colapsaban as grandes vías de Antequera e outros puntos de Andalucía esta semana. O maior produtor de oliva pechaba as portas para coller os tractores e ir ás manifestacións berrando, facéndose ver ao igual que centos de outros traballadores do campo.

En certa maneira están cansos de producir por debaixo do custe mesmo, venderlle a grandes cadeas de supermercados e non poder ter negociar. Estes días quérense facer ver, lograr que o seu traballo non quede en van. Ser agricultor ou gandeiro é un oficio de segundas ou, mellor dito, así está considerado por moitos. Continúase relacionando o rural, a aldea e os seus traballos cos esforzos e case a escravitude. Aquí non hai horarios, os animais e o campo non teñen un calendarios á francesa de oito horas para traballar, oito para durmir e oito para o ocio. Sobre todo, son oficios que non teñen recoñecemento por moito que loites. A tercialización vendeunos que o campo non vale nada. Por iso, aqueles que estaban no colapso, que chegaron tarde ao traballo ou mesmo aqueles camións que estaban varados entre as ringleiras de tractores, ollaron por primeira vez a opresión que sofre un colectivo cada vez máis invisible. Oxalá noutros lugares se estenda o halo reivindicativo e haxa unión entre os sindicatos. Se os taxistas se unen para loitar contra Uber ou Cabify, explíquenme porque nós, os de a pé, non podemos loitar por prezos xustos e traballo digno. Non pode ser unha utopía. E por favor, as mulleres que non queden nas casas. Elas traballan día a día no campo, moitas veces sen tantas garantías coma os homes, polo tanto, deben liderar tamén o cambio para reflexar un extracto da realidade. O campo clama, xa non garda silencio.