«O Día da Bicicleta é unha maneira de coñecer Vimianzo»

F. rodríguez / p. blanco CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

ANA GARCIA

DÍA DA BICICLETA | Víctor Santos, técnico de deportes, incide na importancia de que aqueles que queiran inscribirse na cita deste domingo o fagan previamente

19 jun 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

«As previsións, dependendo de onde as mires, din unha cousa ou outra», apunta o técnico de deportes vimiancés, Víctor Santos. Refírese ao tempo e agardan que, finalmente, sexa bo o que acompañe a unha nova edición do Día da Bicicleta, iniciativa impulsada dende La Voz de Galicia e Radio Voz, xunto co Concello, para este vindeiro domingo, día 23.

-En calquera caso, hai que seguir traballando. Van xa os preparativos ben avanzados?

-Si. Basicamente está todo listo, faltaría que a xente se vaia inscribindo e agardar a ese día, a ver se o tempo nos permite levar a cabo a actividade con normalidade.

-Como describiría o percorrido?

-Son 12 quilómetros. É un percorrido relativamente chan, aínda que si hai algunha pendente. En calquera caso, pendentes que se poden facer sen moito problema. O itinerario é polo val de Vimianzo e parte da praza do Concello, á que se chega tamén de volta despois dunha hora e media ou dúas de percorrido.

-Sempre dicimos que o Día da Bicicleta é para todas as idades, apto para facer en familia.

-Si, pódeno facer dende os propios rapaces. De feito, a esta marcha adoitan vir nenos e, aínda que haxa algunha costiña, ou a sobes na bicicleta ou ao lado dela, pero son salvables.

-Clubs ciclistas, Protección Civil... sempre están dispostos a botar unha man se se precisa.

-Efectivamente, levamos Protección Civil, Policía Local e, como civís, hai membros de clubs ciclistas que veñen case sempre a Vimianzo, como o Club Ciclista Cee ou Media Ducia. Este ano estará tamén o Club Triatlón Costa da Morte, que agora mesmo ten a súa sede aquí en Vimianzo. Están dispostos a botar unha man se o precisamos.

-E son rutas que permiten coñecer o propio concello.

-É unha maneira de coñecer Vimianzo en bicicleta. Quizais os de aquí non descubramos nada novo, pero para aqueles que están afeitos a ir sempre pola estrada xeral levámolos por outros sitios que están preto, pero que habitualmente non se pasa por eles. Agradeceriamos que toda a xente que queira participar se inscriba previamente: estes anos de atrás podíase facer o mesmo día da proba, pero para nós é unha complicación, porque antes da saída temos que mandar todo o listado de inscritos ao seguro. Entón, aínda que ese día aqueles que non se inscribiran terán posibilidade de facelo, gustaríanos que os que xa o teñan pensado nolo comuniquen con antelación. Todos os que estean inscritos previamente participarán no sorteo de agasallos.

-Poderá participar vostede?

-Habitualmente si que o fago, porque me gusta a bicicleta. Normalmente súbome a ela e voume adiantando para colocarme en puntos concretos ou, ao contrario, vou detrás pechando a marcha.

En detalle

Cando. Domingo, día 23. Concentración na Praza ás 10.30 e saída ás 11.00. Patrocinan Domínguez e Eduardo Fuentes. Colabora Pan Ignacio, Policía Local e Protección Civil.

Requisitos. Levar casco (e, a poder ser, darlle unha revisión á bicicleta). É precisa a inscrición no Concello de Vimianzo: o prazo remata o venres, 21.