Vimianzo non merece que triunfe a carraxe por riba da vontade maioritaria de cambio

Paula Mouzo

VIMIANZO

13 jun 2019 . Actualizado a las 23:22 h.

O vindeiro sábado, 15 de xuño, en cumprimento da lei electoral, procederase á constitución do Pleno do concello de Vimianzo, así como a elección de alcalde ou alcaldesa.

Se facemos caso ós resultados emanados das urnas, o pobo falou con claridade. Vimianzo esixe cambio. O partido no Goberno, con Manuel Antelo de alcalde, perdeu a maioría absoluta e un total de tres concelleiros, o Partido Socialista foi a forza máis votada e obtivo seis representantes. Sería pois razoable pensar que Mónica Rodríguez fora a concelleira que ocupara a cadeira da Alcaldía, como primeira de lista do PSdeG-PSOE.

É certo que a representación obtida polo Partido Socialista non lexitima por si soa á candidata de este partido para ser a alcaldesa os vindeiros catro anos porque non obtivo a maioría absoluta, pero existen unha serie de argumentos que me gustaría poñer en público coñecemento antes de que o vindeiro sábado chegue a triunfar o mal perder e a carraxe persoal dunha persoa, sobre o mandato popular, solo porque a aritmética electoral e a ausencia de ética o permite. O final, o gran prexudicado sería o pobo de Vimianzo.

Non perdo o tempo dirixindo os meus argumentos cara a Manuel Antelo, que non dixeriu a derrota e lle costa asimilar a presenza de Mónica Rodríguez no que fora o seu despacho. Falo para os demais, e especialmente para os seus compañeiros e as súas compañeiras de lista e partido. Aqueles e aquelas que o acompañaron hai oito anos, cando desde o BNG, unhas siglas de esquerdas e nacionalistas pediu o respecto para a candidatura máis votada, e o Partido Socialista entendeu que a xente diversificara o voto, pero que por riba de todo había un mandato de cambio no Concello, e así o favorecemos. Non sen costes!, pero os socialistas estaremos sempre do lado da razón expresada pola veciñanza de Vimianzo.

Agora presentábase unha nova formación, pero baixo os postulados ideolóxicos que eran o cerne do grupo e do líder. Non era o BNG, pero Antelo e a súa formación presentouse a estas eleccións afirmando defender un programa que, no ideolóxico se definía de esquerdas e nacionalista. Pois ben, agora a veciñanza mira con sorpresa como esa formación, que demostrou un importante respaldo da cidadanía a pesares da caída no número de concelleiros, vai favorecer que no Partido Xudicial de Corcubión se estableza un Goberno municipal cunha alcaldesa do PP, da dereita, que obtivo tan só dous concelleiros nos pasados comicios.

Vimianzo non se merece que a retorcida vontade dun só home, comido pola carraxe de ter perdido a alcaldía. Sobre todo non soporta que esta recaia sobre alguén que non tolera, por medo á súa eficiencia. Ten medo a que o exercicio do Goberno de Rodríguez Ordóñez sexa tan beneficioso para a veciñanza que Vimianzo repita e aumente o seu apoio á candidatura socialista e cada vez lle quede máis lonxe volver a Gobernar.

Detrás desta simple razón se agocha a maledicente idea que esparexe Antelo alí onde o escoiten: volven os Alveitas. Que triste intentar estigmatizar deste xeito a unha adversaria que, por outra banda, da súa familia só se pode sentir orgullosa. Os medos e a impotencia de cada un provocan pantasmas, pero nada teñen que ver coa realidade.

A realidade é outra. De non poñerlle remedio, de non evitar que suceda, teremos este sábado unha alcaldesa do PP. Que lonxe quedan os tempos da defensa de que goberne a lista máis votada ou de antepoñer a disciplina e a ética do partido!.

O rancor e a carraxe de Antelo van condenar a Vimianzo a rachar coas súas arelas de cambio, co avance social e económico, coa recuperación do espazo que sen máis axuda que a nosa propia forza, nos fixo cabeceira de comarca e referencia de progreso, por exemplo en materia de servizos sociais.

O que suceda este sábado é importante, vital, para o futuro de Vimianzo. A veciñanza non merece unha alcaldesa cuxos fíos mova a egolatría e desleixo que, ata a propia alcaldesa quería deixar atrás.

Pido, como secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Vimianzo a reflexión de quen ten na man co seu voto persoal e intransferible a devolución da razón á vontade do pobo expresada nas urnas. Vimianzo dixo cambio, merece o cambio. Para que prevaleza esta vontade maioritaria é preciso que se favoreza a elección de Mónica Rodríguez como a alcaldesa de todas as vimiancesas e todos os vimianceses.

Paula Mouzo é a secretaria xeral do PSdeG-PSOE de Vimianzo