Manuel Antelo: «Nós representamos o nacionalismo de esquerda, somos os do Bloque de sempre»

V. Couto, C. Viu CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

BASILIO BELLO

26M: AS MUNICIPAIS | O rexedor de Vimianzo, candidato por Adiante Vimianzo, di que se presenta polo ben común e que o seu pobo é máis «libre e democrático» desde que chegou ao goberno

20 may 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Antelo (1965) parte na carreira electoral cunha cómoda maioría absoluta que conta con revalidar o 26M. El é o candidato de Adiante Vimianzo

-Como valora este mandato?

-Creo que foi o de trazar as grandes liñas do futuro de Vimianzo en varios aspectos. No económico está a parque empresarial que comeza a coller unha forma, a despegar e o feito que a última nave fose a da Estrella de Galicia dálle unha proxección máis importante. En canto á cultura, consolidamos Vimianzo como un referente en toda a comarca non só pola programación que facemos, senón polos servizos que lle prestamos á cidadanía. Tamén foron bos tempos para a democracia. Vimianzo é un pobo máis libre, máis tranquilo e máis solidario.

-Como está a escena electoral?

-O panorama está claro, ou seguimos apoiando estas bases de cambio, de transformación, de modernidade... Ou retornamos ao pasado porque as formacións que se presentan xa estiveron estes catro años na oposición e non fixeron máis que desprestixiar Vimianzo, falar moi mal de todo o que facemos sen dar ningunha alternativa. Eu creo que os vimianceses apoiarán o noso proxecto porque é transformador, maioritario e beneficia a tódolos sectores sociais e a tódalas parroquias.

-Aféctalles que haxa tamén unha lista do BNG?

-Nós representamos o nacionalismo de esquerda, somos os do Bloque de sempre, de toda a vida e esta candidatura responde a outros intereses que non son esencialmente políticos, porque o sentimento non tería que optar á política. Creo que non é explicable, non se entende, que o BNG presentase no último momento, contra reloxo, unha candidatura na que máis da metade da xente non vive en Vimianzo e que estea apoiada por xente con resentimento.

-Que expectativas ten?

-Son moi boas, porque creo que o noso labor está aí, fixemos moitas cousas, sentámolas bases para mellorar as infraestruturas en tódalas parroquias, melloramos moito os servizos sociais, en Vimianzo non hai ningunha persoa dependente que estea sen atender. Tamén en cultura e deporte melloramos moito e en turismo, un aspecto moi importante. Non hai motivos obxectivos para que a xente que apostou por este modelo hai catro anos non volva a facelo. Somos conscientes de que hai cousas que mellorar e imos facelo.

-Qué destacaría do seu programa?

-Moitas cousas, pero eu destacaría o noso compromiso coa instalación de empresas. Estamos dispostos a regalar solo público para que as industrias se instalen no parque empresarial. Tamén queremos un rural vivo, que a xente se quede a vivir nas aldeas.

Na miña neveira sempre hai...

Tomate. Na neveira do alcalde de Vimianzo non faltan os tomates, pero tamén a leituga, ovos, queixo e as bebidas, cervexa, con e sen alcohol e hidromel que elabora o seu fillo.

BASILIO BELLO

¿E o móbil?

iPhone. «Son moi de Apple», di. Ten o teléfono mentres funciona. 

A favor / en contra

  • Cadea perpetua revisable: en contra
  • Aborto: A favor
  • Investigados nas listas: Moi relativo
  • Traslado de restos de Franco: A favor
  • Referendo Cataluña: A favor
  • Acollida refuxiados: A favor
  • Eutanasia: A favor
  • Cambios lei violencia xénero: Por desgraza demostráronse necesarios
  • Prohibición fumar praias e piscinas: A favor
  • Casco urbano a 30 km/h: A favor

Preferencias

  • A que hora se ergue? Entre sete e media e oito
  • Que almorza? Zume de laranxa e un café con tostas
  • Prato preferido: Peixe
  • Que non comería? Bichos
  • Bebida preferida: Auga
  • Equipo de fútbol: Non son futboleIro, pero apoio aos equipos locais
  • Que coche ten? Un Tiguan
  • Unha afección: A informática e a tecnoloxía
  • Un lugar: O castelo de Vimianzo
  • Que tarefas de fogar realiza? As que podo

Artes e letras

  • Escritor favorito: Manolo Rivas
  • Último libro que leu: O exército de fume, de Manolo Gago. Moi recomendable
  • Última película que viu: A serie Xogo de tronos
  • Un artista: Xurxo Martiño
  • Un actor: Vicente Mohedano
  • Unha actriz: Tero Rodríguez, de Os Quinquilláns
  • Unha cantante: Irma Macías
  • Tipo de música: Todo
  • Deporte que practica: Non son afeccionado
  • Unha viaxe pendente: Bos Aires