José Antonio de la Riera: «A Vía Mariana non é un Camiño de Santiago máis, é o grande itinerario galego»

A última etapa desta ruta percorre concellos como Mazaricos, Zas ou Vimianzo


Carballo / la voz

Son 90 quilómetros os que compoñen a derradeira etapa da Vía Mariana Luso Galaica, que une Compostela co santuario da Virxe da Barca pasando polos concellos de Ames, Negreira, A Baña, Santa Comba, Mazaricos (Grille e San Cosme de Antes), Zas, Vimianzo e, por último, o municipio de Muxía.

O Museo das Peregrinacións, en Santiago, ou as localidades de Berdoias e Baíñas, en Vimianzo, foron escenario recentemente da presentación da Vía Mariana Luso Galaica, un proxecto no que están involucradas ducias de asociacións e institucións de Galicia e Portugal. José Antonio de la Riera é un dos fundadores da Asociación Vía Mariana e principal promotor da iniciativa, xunto con Luís do Freixo. Con ela pretenden recuperar un camiño totalmente autóctono, vivo e que servirá, din, de gancho a peregrinos fundamentalmente estranxeiros que desexen probar rutas alternativas e máis virxes que a xacobea.

-En que consiste esta Vía Mariana que veñen de lanzar?

-Pois non é outra cousa que a recuperación duns itinerarios autóctonos que xa estaban aí, dende un pasado moito máis remoto que o propio Camiño de Santiago. Baséase nas peregrinacións aos santuarios marianos de Galicia, pero entendendo Galicia como a antiga Gallaecia, a provincia romana con capital en Braga. Nós pensamos que se uniamos entre si esas peregrinacións tan vivas lograriamos un grandísimo itinerario, ao nivel de calquera camiño cultural europeo.

Falamos do santuario do Samieiro (en Braga), o da Peneda e, xa en Galicia, entrando por Melgaço, o da Franqueira, o de Covelo, o de Augas Santas, Amil, Iria Flavia, a Escravitude, a Virxe do Portal e, para rematar, o gran santuario da fin do mundo, o da Virxe da Barca, en Muxía. O nivel de patrimonio material e inmaterial que temos neste percorrido é espectacular, ademais de poder gozar dunha natureza única.

Sempre formulamos o proxecto de abaixo a arriba, e non ao revés, e contamos coa colaboración de veciños, comunidades de montes, parroquias, institucións, concellos... É un proxecto popular que comezou hai pouco máis de dous anos no santuario da Barqueira, e xa hai aspectos que están practicamente rematados, como a sinalización.

-Algún peregrino xa?

-Si, a primeira peregrina foi unha húngara que vive en Muxía, que vén de facer o itinerario completo.

-Cantos quilómetros ten?

-Ten 372, entre Braga en Muxía. É duro, pero fermosísimo. Dende o primeiro momento, contamos cun comité asesor da Universidade de Santiago, que é o que nos guía en todo o aspecto patrimonial.

-Teñen pensado presentar a iniciativa no exterior, tal e como veñen facendo por Galicia?

-Temos pensado presentala en Bruxelas para poder lograr a cualificación de itinerario cultural europeo. Para nós é importantísimo dinamizar o rural, aínda que hai que facer unha matización: a Vía Mariana non é un Camiño de Santiago máis, é o grande itinerario galego que, aínda que discorre por algúns tramos do xacobeo, é un camiño completamente independente e con base totalmente autóctona e moi viva. Podería dicirse que estamos ante o grande itinerario autóctono de Galicia. É noso, propio, coma o de Santo André de Teixido.

Dada a súa antigüidade, en todos eles atopamos cultos primixenios: ás deusas nai, ás augas, ás pedras... Non fai falla que falemos do que sucede aí en Muxía neste sentido [ri]. É de xustiza histórica recuperar estes camiños e poñelos a disposición do pobo, pois discorren por zonas do rural máis descoñecidas (como é o caso de Mazaricos ou do sur de Zas e Vimianzo).

-Como elaboraron os itinerarios?

-Niso si que non quixemos influír demasiado, e deixamos que fosen as xentes dos propios lugares as que deseñasen eses aspectos. Os que mellor coñecen eses núcleos son as asociacións de veciños, as comunidades de montes... Os que están a pé de obra.

-Hai concellos que xa anunciaron un apoio total á iniciativa.

-Iso é importantísimo. Moi implicados están municipios como os de Zas, Muxía ou tamén Vimianzo, que dende o primeiro momento colleu a bandeira da Vía Mariana [xa anunciaron a posta a disposición de dous albergues para peregrinos].

-Como evitarán os malos vicios adquiridos no Camiño?

-Queremos evitar que isto sexa unha feira, e por iso creamos un código de boas prácticas que toda institución que queira implicarse neste proxecto ten que firmar. Son boas prácticas patrimoniais, ambientais... É absurdo recuperar un camiño autóctono e que os peregrinos atopen lixo ás beiras. Non queremos que ninguén se aproveite dun esforzo popular e altruísta para sacar beneficio económico disto e aproveitarse dos peregrinos.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
2 votos
Comentarios

José Antonio de la Riera: «A Vía Mariana non é un Camiño de Santiago máis, é o grande itinerario galego»