Dun lugar de Salto e da Costa da Morte

Rosa sánchez martínez

VIMIANZO

ANA GARCIA

EN PRIMEIRA PERSOA | ESCRIBE ROSA SÁNCHEZ | «(...) Cando temos fillos, preocupámonos polo seu futuro. Queremos deixarlles algo ao que poidan agarrarse, un entorno no que se desenvolvan como persoas e no que vivan dignamente. E o rural é un excelente espazo para establecerse. Non entanto, parece que algunhas decisións tomadas nos despachos de urbanitas (...) son paus nas rodas (...)»

25 feb 2019 . Actualizado a las 10:28 h.

Dime un amigo que teño sorte de poder traballar e vivir na terra das miñas orixes. Certo. Esa reflexión remexe as vivencias e as emocións da filla dun emigrante que nos deixou moi novo. O ser orfa de vivos, como diría Rosalía, marcoume e creo que trazou o meu camiño profesional. De pequena envexaba ás compañeiras que tiñan aos seus proxenitores derredor, que as ían buscar en coche cando chovía, ou que, simplemente, estaban aí. Pensaba: «Papá podería ser condutor do camión do leite, ou facer pequenos arranxos de albanel ou volver á pirotecnia...». Eu non sabía como facer -tampouco o sei agora, con medio século ás costas-, pero non deixaba -nin deixo- de cavilar sobre iso.

A morte do meu pai e a influencia positiva da mestra dona Carmen Neira Marcos, empeñada na nosa autosuficiencia, facíanme meditar na independencia económica da muller e a contribución á unidade familiar. O marco da dinámica da parroquia de Salto, pioneira na concentración parcelaria, no cooperativismo agrario e con grandes líderes, animaba ao optimismo. Hoxe podemos comprobar que non era un erro.

Nese contexto, comprometinme co esforzo individual, primeiro no ámbito escolar e da aprendizaxe e despois no ámbito laboral e da participación. Era o que estaba -e o que está- na miña man. Foi así que, cando tocou elixir os estudos universitarios, me inclinei polas Ciencias Empresariais e, despois, descubrín o mundo profesional do desenvolvemento local, no que tiven a sorte de mergullarme a través de varios empregos e responsabilidades, para ver o bo e o malo dos procesos de intervención e o poder que teñen algunhas persoas para impulsar ou provocar o fracaso de proxectos ilusionantes.

Esforzo

Quixen, tamén, levar á práctica o que estaba aprendendo e predicando e, en Casa de Trillo, invertín a miña visión, impregnando este establecemento familiar de turismo rural da nosa esencia.

Nisto de crear emprego e actividade económica a través da intervención pública, o esforzo individual non é suficiente. Hai que unir forzas, e cadaquén ten que desempeñar o seu papel (técnico, político, empresarial...) nunha estratexia conxunta e consensuada, dentro do territorio e en consonancia con políticas de espectro máis amplo. Temos que tirar do carro para o mesmo lado, despois de debates serios e non manipulados, e que non se erixan en voces de sectores persoas que só se representan a si mesmas. Por iso, é necesario xuntar intereses, crear debates sans e identificar necesidades e retos para trasladalos a quen toma as decisións sobre o destino dos fondos públicos ou para pasar á acción. Neste senso non é banal o artellamento da participación nin o apoio á actividade asociativa e cooperativa. Teño a sorte de coñecer a grandes persoas, sobre todo mulleres, na fronte de diferentes entidades, que poden darnos clases de como facer pequenas cousas con grande impacto. Habería que reforzar e incentivar estes liderados sociais honestos.

Cando temos fillos, preocupámonos polo seu futuro. Queremos deixarlles algo ao que poidan agarrarse, un entorno no que se desenvolvan como persoas e no que vivan dignamente. E o rural é un excelente espazo para establecerse. Non entanto, parece que algunhas decisións tomadas nos despachos de urbanitas con responsabilidades políticas e lexislativas son paus nas rodas dos que queremos seguir aquí. Dá a impresión de que temos que pagar peaxes por vivir na aldea e de que somos delincuentes por beber auga, por intentar construír ou reformar unha vivenda digna, por non ter recursos para manter o monte limpo e por estar cerca dun río ou dun elemento do noso patrimonio.

Iso si, pero sácannos o dereito a que se nos reparta a riqueza da terra que mantemos viva ou a acceder aos servizos da sociedade moderna. Reivindico que se cumpra o artigo 14 da Constitución coa xente do rural: «Os españois son iguais ante a lei, sen que poida prevalecer discriminación algunha por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social». É unha anomalía aceptada ter que vivir lonxe de onde un nace.

DNI. Rosa Sánchez Martínez. Cumprirá 52 anos o 26 de febreiro. Naceu en Baio, na familia Brenlla, «fogueteiros». Criouse en Salto. Licenciada en Ciencias Empresariais, ten estudos de posgrao e máster. No seu día foi xerente de Neria e, dende o 1998, traballa no Concello de Vimianzo como técnica de desenvolvemento local. Formou parte da directiva da Asociación Galega de Amigos do Camiño, participou na Fraternidade Internacional do Camiño e está vinculada ás entidades Neira Marcos e Afiprodel.