Unha relación moi intensa dun amor tardío

TITO CONCHEIRO

VIMIANZO

ANA GARCIA

EN PRIMEIRA PERSOA | ESCRIBE TITO CONCHEIRO | «(...) Eu amo a este xacemento prodixioso, As Barreiras de Ogas, e non é ningún segredo. Como arqueólogo profesional teño motivos dabondo para iso. Este castro é único por moitos aspectos. O primeiro, pola súa situación, no medio e medio da chaira diáfana, a tiro de pedra do núcleo urbano. Logo está o contido (...)»

17 feb 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Os castros non son entes mudos, cada un deles ten unha historia que contar, só hai que achegarse a eles e preguntar. E son moi agradecidos, porque sempre responden. A miña chegada ás Barreiras de Ogas, en Vimianzo, foi nun chuvioso mes novembro do ano 2009, e dende aquela, como eses amores tardíos e crepusculares baseados na ollado e o verbo, establecemos unha relación intensa e moi especial.

Eu amo este xacemento prodixioso, non é ningún segredo, e como arqueólogo profesional teño motivos dabondo para iso. Este castro é único por moitos aspectos. O primeiro, e o máis evidente, pola súa situación, no medio e medio da chaira diáfana de Vimianzo, a tiro de pedra do núcleo urbano e á beira mesma da estrada a Fisterra. Logo está o contido, o que os arqueólogos chamamos o «rexistro arqueolóxico». O castro de Ogas son as ruínas dun poboado fortificado da Idade do Ferro. Nunca coñeceremos os nomes das mulleres e homes que o construíron, pero si sabemos que, arredor do ano 150 antes de Cristo, un grupo de familias que daquela vivían na Terra de Soneira, decidiron edificar un poboado no val. Acometeron unha obra formidable: escavaron unha gran gabia, o foxo, e cos seus materiais levantaron unha forte muralla que os protexía e illaba do exterior. Logo construíron as súas vivendas, cabanas de planta redondeada e muros de cachotería nas que as familias se reunían arredor do lume do fogar. Naquel lugar tamén traballaron, fabricaron obxectos de metal, teceron e moeron trigo, amaron, riron e soñaron, e moitas máis actividades das que nunca teremos noticia.

Por iso, os verdadeiros protagonistas das Barreiras son eles, os que viviron no castro hai máis de 2.000 anos. Os arqueólogos só somos os pianistas, pero o piano sempre estivo aí. Agora o castro rexuvenece. Xa se poden ver os restos de dúas cabanas, cos seus pisos de ocupación e coa lareira que os quentaba nas longas noites de invernía. Tamén recuperamos moitos fragmentos de obxectos de cerámica, pedra e metal, que nos falan de como foi parte da súa vida cotiá.

No castro das Barreiras todo é distinto e sorprendente. Dende o milagre que supuxo a súa conservación, ata a forma das vivendas e a cultura material que proporciona. Tampouco resulta habitual a súa pouca vixencia no tempo. Arestora cremos que o asentamento tivo unha vida breve, de poucas xeracións. Construíuse e abandonouse moi rápido. Non sabemos a razón, pero si temos constancia que logo do seu colapso foi obxecto dun voraz incendio.

Vimianzo ten un tesouro no Castro das Barreiras. Na miña opinión pode converterse nun valioso recurso cultural e nun auténtico motor turístico. Para calquera veciño do municipio vai resultar realmente emocionante achegarse ao pobo dos seus antepasados, espéralle unha visita chea de emocións. Pero como na mítica canción, As Barreiras nunca camiñarán soas. Vimianzo pode gabarse de contar cun patrimonio arqueolóxico incrible, con restos monumentais de todas as épocas e tipoloxías: soberbias cámaras megalíticas, como a Pedra Cuberta de Serramo; petróglifos da Idade do Bronce, como os de Boallo; vilas e necrópoles de Época Romana e Medieval, como a de Tines, e moito máis. Un auténtico libro de historia a ceo aberto para goce de toda a cidadanía. Por iso non teño máis que agradecer e apreciar na súa xusta medida, que é moita, o plan do Concello de converter o patrimonio arqueolóxico na matriz dun gran parque temático que explicará o devalar histórico da terra de Soneira dende a Prehistoria á Modernidade. Unha aposta nova e pioneira que fará deste Concello, cruce de camiños e soportal da Costa da Morte, o referente a nivel galego do turismo cultural e da difusión do patrimonio.

DNI. Tito Concheiro (Ordes, 1966) é arqueólogo pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Profesional dende o ano 1989, o seu principal campo de actuación é o mundo castrexo, tendo dirixido escavacións nalgúns dos xacementos mais coñecidos da comunidade galega, como os de Baroña, Neixón e As Barreiras. Está especializado na difusión e na divulgación da actividade e o patrimonio arqueolóxicos.