Dous meses para que nenos e adultos vivan o teatro na capital de Soneira

La Voz CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

As mellores compañías galegas pasarán por Vimianzo nos meses de febreiro e marzo

25 ene 2019 . Actualizado a las 22:28 h.

O Concello de Vimianzo, coa colaboración da Deputación da Coruña, a Rede Galega de Teatros e Auditorios e a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), deseñou un novo ciclo de programación cultural para o auditorio da Casa da Cultura. Serán dous meses -febreiro e marzo- para que adultos e nenos gocen do mellor teatro, con compañías de primeiro nivel do panorama galego.

Teatro do Noroeste, Ibuprofeno Teatro, Pistacatro (cunha coprodución co Centro Dramático Galego) e Producións Teatrais Excéntricas son as catro agrupacións que pasarán pola capital de Soneira neste vindeiro mes. No último caso, con tres coñecidos contadores sobre o escenario: Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín e Guti. Obviamente, de aquí só pode saír algo con moito humor: Tres vellas (polo menos).

Trala parada para o entroido (os días grandes serán o sábado 2 de marzo en Vimianzo e o sábado 9 en Baíñas), a programación teatral de marzo, para adultos, será marcadamente feminina. «Tres espectáculos nos que as protagonistas son recoñecidas actrices do panorama galego», indican dende o Concello. Luísa Merelas, Celia González e Sabela Arán son as intérpretes de Bernarda, con Malasombra. Loló e mamá chega da man de Esther F. Carrodeaguas, tamén cunha muller sobre as táboas, Stephy Llaryora. Finalmente, Invisibles, levará ata Vimianzo o drama da violencia machista, con intérpretes da talla de Mela Casal, Sheyla Fariña e Nieves Rodríguez.

Horarios e custes

As sete funcións para adultos serán ás 21.00 horas. Cada un dos espectáculos ten un custe de 5 euros, ou ben de 2,5 coa redución para maiores de 65 anos e estudantes. Nun e noutro caso han de acreditar esta condición. Existe, tamén, a posibilidade de adquirir un bono para o total das obras, por 25 euros. Non é posible reservar entradas e estarán á disposición dos interesados na propia Casa da Cultura: na billeteira, dende unha hora antes do inicio do espectáculo.

A programación familiar

Os domingos serán os días reservados en Vimianzo para o desfrute en familia do teatro, da música e dos contos. A programación botará a andar o 10 de febreiro, coas funcións previstas para as 18.30 horas e de acceso gratuíto. Filipa cos contos (Bandullo azul), A viaxe de Rosalía (con Larraitz Urruzola, o domingo 24 de febreiro), Mulleres de sal (con Marta Ortiz, o domingo 10 de marzo), De aquí para alá (con Lydia Botana, o 24 de marzo) e O libro máxico (con Expresión Producións, o domingo 7 de abril) son as propostas deseñadas

Non hai escusa, pois, para quedar na casa as fins de semana. A Casa da Cultura vai ser durante oito semanas o epicentro das mellores artes escénicas do momento.

En detalle, a programación

Febreiro

Sábado 2 • 21.00 horas • 5 euros (reducida, 2,5) • Da avaricia, a luxuria e a morte, con Teatro do Noroeste. Adaptación de tres obras de Valle Inclán. Vén de percorrer xa parte da comunidade.

Sábado 9 • 21.00 horas • 5 euros (reducida, 2,5) • Casa O’Rei, coa compañía Ibuprofeno Teatro. Adaptación de Shakespare. O rei Lear traído ata hoxe, ata os nosos días.

Sábado 16 • 21.00 horas • 5 euros (reducida, 2,5) • Tres vellas (polo menos) é un traballo de Producións Teatrais Excéntricas. Estrea en Vimianzo. Toda unha comedia.

Sábado 23 • 21.00 horas • 5 euros (reducida, 2,5) • Arnoita, Arnoia, o circo da casa pequena é un traballo da compañía Pistacatro. Adaptación dunha obra de Méndez Ferrín.

Marzo

Sábado 16 • 21.00 horas • 5 euros (reducida, 2,5) • Bernarda é un traballo de Malasombra, unha adaptación dunha obra de García Lorca, mais trasladando a acción ao 1975, un momento clave.

Sábado 23 • 21.00 horas • 5 euros (reducida, 2,5) • Loló e mamá chega a Vimianzo con De Ste Xeito Producións. A historia dunha nai e un fillo, con Josi Lage e Stephy Llaryora.

Sábado 30 • 21.00 horas • 5 euros (reducida, 2,5) • Redrum Teatro leva a Soneira Invisibles, unha adaptación da novela de Montse Fajardo sobre violencia machista.

Programación infantil

Febreiro e marzo • Música, contacontos, monicreques, teatro e clown integran este programa que se estenderá entre o domingo 10 de febreiro e o domingo 7 de abril. Son cinco funcións, todas elas ás 18.30 horas, e gratuítas. A través do programa Apego.