«Ir en quad é unha forma perfecta de pasar unha xornada de festa cos amigos»

Antonio Longueira Vidal
Toni Longueira CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

Ana Garcia

Vimianzo acolle hoxe (9.00 horas) a undécima edición da Ruta de Quad O Son da Lama pola Costa da Morte. Cóntao Estiven Lema, presidente do clube

19 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

Vimianzo acolle hoxe (9.00 horas) a undécima edición da Ruta de Quad O Son da Lama, unha das citas importantes do calendario anual da bisbarra. Á cita xa confirmaron a súa presenza 212 deportistas. A saída e chegada quedou situada na explanada do restaurante A Lagoa. O vimiancés Estiven Lema Miñones ten 31 anos e é o presidente do club de quad Lume no Caño, organizador da cita: «Ir en quad é unha forma perfecta de pasar unha xornada de festa cos amigos» di.

-¿Como valora a participación?

-Moi ben porque superamos a cifra esperada. Ademais dos 45 socios do club virán outros 167 doutros sitios.

-Cal será o percorrido da ruta?

-Son 110 quilómetros, case todos eles por montes. Sairemos do restaurante A Lagoa e iremos por Monte Faro, Vimianzo, Berdoias, Dumbría e Baíñas, onde haberá un xantar. Logo seguiremos por Serramo, A Piosa, Zas, Treos, Tines, Salto e regresaremos de novo hasta A Lagoa, onde teremos unha cea-baile para todos os participantes.

-¿Foi complicado obter os permisos?

-Hai anos non era tan complicado. Agora a lexislación para facer este tipo de rutas é moi estrita. Tes que pedir varios permisos, comezando por Forestal. Hai que entregar un mapa detallado por GPS da ruta e despois dende a Xunta fanche os cambios que estimen oportunos do percorrido. Por exemplo, non se pode pasar a menos de 200 metros dun xacemento arqueolóxico. Tamén houbo que pedir permisos firmados aos titulares dos montes e ás mancomunidades, senón no podemos facela. E todos eses trámites xa os fixemos, como tamén os seguros. Fixemos dous: un de responsabilidade civil e outro de accidentes. Ademais levaremos unha ambulacia con persoal sanitario, incluso levarase un desfibrilador.

-¿Cal son para vostede as mellores vistas de todo o percorrido?

-Nos 110 quilómetro de ruta hai moitos puntos que ver. A min, persoalmente, gústame un tramo de subida do Monte Faro, porque se ten unha perspectiva perfecta de todo o val de Vimianzo, dos penedos de Traba e cando hai bo tempo, incluso, vese a costa de Camariñas.