Dez anos da declaración oficial de Paisaxe Protexida dos Penedos de Pasarela e Traba. U-lo compromiso da Xunta de Galicia?

Xosé María Lema

VIMIANZO

XOSÉ AMEIXEIRAS

13 ene 2019 . Actualizado a las 05:00 h.

O14 de xaneiro de 2009 publicábase no Diario Oficial de Galicia (DOG) a declaración de Paisaxe Protexida para os Penedos de Pasarela e Traba, un logro colectivo das asociacións comarcais que evitaron a súa destrución convertidos en canteira. A declaración supoñía o compromiso da Xunta de Galicia de ter en dous anos un Plan de Conservación para poñer en valor este lugar único, non só en Galicia senón no mundo enteiro (así o aseguran reputados catedráticos como Juan Ramón Vidal Romaní ou Augusto Pérez Alberti).

Pero, desafortunadamente, nin en dous anos nin en dez: o Goberno galego non moveu un dedo para esta posta en valor; unicamente o Concello de Vimianzo -e recentemente tamén o de Laxe- procuraron limpar de maleza as principais rutas e sinalizar as pedras máis senlleiras. «Tras de Pasarela, entre Vimianzo e Traba de Laxe, está un dos centros de arte máis abraiantes de Galicia (...). Alí están as rochas zoomórficas e antropomórficas que cantou Pondal e que enfeitizaron a Otero Pedrayo (...). O Henry Moore quedaría sen fala e o Chillida seguramente se dedicaría a outra cousa», escribía Manuel Rivas en 1997.

«No libro Landforms and Geology of Granite Terrain (Holanda, 2005), do australiano C.R. Twindale, no que se describen as mellores paisaxes graníticas do mundo, aparecen os macizos de Traba e Pasarela», informaba en 2007 o citado Vidal Romaní.

A pesar de todos estes informes favorables, a Xunta de Galicia fixo caso omiso deste parque xeolóxico que, na opinión de reputados viaxeiros, nada que lle envexar «a lugares que reciben cientos de visitantes al año, como la irlandesa Calzada de los Gigantes», escribía o xornalista Manuel Sánchez Dalama en 2006.

Entrevista coa Conselleira

Outro xornalista, Xosé Ameixeiras, afirmaba que «non fai falla desprazarse ata Cuenca para ver unha cidade encantada». Os que visitamos os dous lugares damos fe de que tales afirmacións para nada son esaxeradas. Esta última fora declarada Sitio Natural de Interés Nacional (xa) en 1929; a irlandesa é Patrimonio da UNESCO desde 1986. Nos dous casos tales trouxeron consigo considerables ingresos para a zona unha vez que se prepararon para os visitantes.

No SEMESCOM publicamos postais, calendarios, guías, un documental que xa leva 1.223 descargas e mesmo un gran panel informativo de grandes dimensións no lugar de Pasarela. Algúns din que iso era o que debería ter feito a Xunta, ausente nesta década.

Hai unhas semanas o alcalde de Vimianzo e o concelleiro de Turismo de Laxe entrevistáronse coa conselleira de Medio Ambiente para convidala a tomar cartas no asunto. Boas palabras seica houbo, pero, por outras experiencias anteriores teño para min que todo vai quedar en auga de castañas e que, unha vez máis no tocante á posta en valor do patrimonio da Costa da Morte, o Goberno deixará pasar o sol pola porta.