Os que queremos quedar no rural

EN PRIMEIRA PERSONA | NATALIA LEMA | «(...) Cando me preguntan se non aborrezo a Gándara, eu respondo sempre é o mesmo: é onde nacín, a miña propia idiosincrasia, parte de min. Namoreime do encoro, das historias agochadas, das que non coñecía e das que aínda que quedan por saber (...)»


Di Eloy M. Cebrián nun dos seus libros que outubro é un mes que trae unha luz fría e decadente que o inunda todo. Motivo disto pode ser esa transición entre os días de sol e de letargo cara o frío que, nestas mañás de xeada, semella querer filtrarse nos ósos. Quen sabe.

O caso é que esta época do ano faime pensar. O ano pasado nestas datas estaba iniciando a que sen dúbida foi a aventura da miña vida, escribir sobre accidentes de tractores. Aínda recordo os feixes de correos que intercambiei con Marcos Vázquez, correos que nunca pensei que tivesen resposta. E tiveron. Que tomara en serio as cavilacións dunha rapaza de dezasete anos ten o seu aquel.

Durante un tempo a pregunta máis recorrente era o porqué de iniciar unha temática así. A día de hoxe, aínda non o sei. Cando mo preguntan digo unha desas respostas politicamente correctas e punto.

Eu creo que o escribín, con todas as dificultades e trabas que supuxo, porque me gusta o rural. O outro día preguntáronme se non pensaba marchar nun futuro. Inquirín moi á galega o motivo e a resposta foi a seguinte:

-Porque aquí non hai futuro nin traballo.

Pregúntome por que emerxe entre as novas xeracións ese sentimento pesimista e de profundo desarraigo. Dáme medo que, despois de tantas xeracións de avós que tiveron que emigrar, se repitan patróns. As cifras falan por si soas, cada ano Vimianzo e Camariñas rexistran máis perdas demográficas, especialmente por parte da xente nova. Emigrar debe ser unha elección, non unha obriga forzosa.

Eu cuestiónome se nun futuro próximo as aldeas non ficarán baleiras por ese relevo xeracional que non chega.

Vivir na aldea e vivir do rural está mal visto, a depreciación social e os prexuízos que recibimos os mozos están aí. Parece pois que, se quedas no rural, cunha explotación de vacas, aínda que posúas mesmo unha enxeñería, é un traballo de segundas. Pode ser que esquezamos que as cidades nútrense do rural. Como di Marcos, a autoestima do traballador rural é algo necesario, que ninguén pense que o que vive da terra é un calquera, sabe cando menos vender o que produce e mercar o que precisa para producilo.

Miren, eu nacín nunha aldea de Baíñas con apenas tres casas onde, a día hoxe, unha está deshabitada. Supoño que para calquera neno é algo indesexable vivir unha infancia sen compañeiros para xogar á pelota ou reunirse na praza a simplemente ollar a xente ao pasar. Mais agora, co paso dos anos, sei que non puiden medrar nun sitio mellor para a miña personalidade. Quizais porque agora son coñecedora de que a miña aldea ten unha historia de esforzo detrás, que meus avós foron en parte unha familia Buendía, que entre a miseria e desidia do seu tempo formaron o seu propio Macondo.

Cando me preguntan se non aborrezo A Gándara, eu respondo sempre o mesmo, é onde nacín, a miña propia idiosincrasia, parte de min. Namoreime do encoro, das historias agochadas, das que non coñecía e das que aínda me quedan por saber. Non te volves diferente por vivir nun lugar saturado de xente ou por vivir nun núcleo rural solitario e despoboado. Como di unha mestra miña, un pode estar preso no cuarto máis lúgubre e ser a persoa máis libre do mundo. Son todos estereotipos deste mundo globalizado.

O rural precisa de mozos. Homes e mulleres que estean dispostos a facer un rural sustentable, a curto e a longo prazo. Tamén precisa dun sistema que o permita, que achegue os servizos que se prestan nas cidades ás aldeas. Por que non vamos a poder conseguir mudar esa percepción pesimista sobre o futuro?

Os maiores, que destas cousas saben moito e en todas as culturas do mundo se escoitan, din que todos nacemos cunha estrela que marca o noso afortunado ou desafortunado porvir. Eu penso que o futuro decidímolo nós, con cada pequena decisión que tomamos na vida.

Por iso, aquel día da primeira semana de outubro deste ano, tampouco dubidei en responder:

-A Costa da Morte é a miña matria e non penso marchar.

«Pregúntome por que emerxe entre as novas xeracións ese sentimento de desarraigo»

DNI. Natalia Lema. Naceu hai 18 anos na parroquia vimiancesa de Baíñas. Estudante de 2º do ciclo superior de Administración e Finanzas, é a autora de Baos, libro no que conta a historia dos habitantes das casas mergulladas ao construír o encoro de Fervenza, editado a finais do 2016. O ano pasado publicou Prevención de riscos agrarios na Costa da Morte, centrada sobre todo nos que lle atinxen aos tractores.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
22 votos
Comentarios

Os que queremos quedar no rural