Vellas historias

Vicente de Lema ONDA MAINA

VIMIANZO

22 nov 2018 . Actualizado a las 14:36 h.

as atrás celebrouse en Vimianzo un simposio sobre o castelo. Na Casa da Cultura da capital soneirá ofrecéronse sesións de sabedoría académica e seguramente aínda quede materia científica para divulgar no futuro. Mentres un dos profesores estaba falando e profundado no pasado da fortaleza dos Altamira a un víñanlle á mente vellas historias, ocorrencias ou datos de transmisión oral en torno ás vellas pedras vimiancesas. Antes da última restauración, nas proximidades da torre leste había un oco rectangular. Dende alí, dicían, saía un túnel ata o Pazo de Trasariz. Houbo quen se quixo meter e incluso estaba disposto a facer o heroe, pero foi advertido de que a vía subterránea estaba inzada de cobras, ratos coma cans e monstros da máis variada caste e risco e que quen se metera por aquela vía descoñecida nunca xamais volvera. Eran comentarios que facían enfraquecer o ánimo de calquera valente. Daquel oco rectangular non se vía máis que as negras perspectivas da terra e máis da negrura de non moito máis ca un metro ou metro e medio de profundidade. Hai quen di que no castelo tamén había a escultura dun león que por encargo e ben pagado o transporte foi depositado nunha casa non moi lonxe da fortaleza. Foi polos anos 40 ou 50 e un fato de adolescentes que se tiñan por forzudos cumpriron o encargo por catro perras e mais por amosar as súas facultades físicas. Eran tempos nos que o vello castelo estaba abandonado, ao dispor de quen ousara ir metendo man nela e que o manto do esquecemento foi tapando ao non haber actos que deran fe de feitos que se van esquecendo.