Xosé María Rei Lema: «Perfecto López foi un dos soportes clave de Castelao en Bos Aires»

O vimiancés presenta hoxe na Casa da Cultura un libro sobre o ilustre emigrante


carballo / la voz

Xosé María Rei Lema (Bamiro; 1972) presenta esta noite na Casa da Cultura (20.30 horas) de Vimianzo o libro Perfecto López. Un vimiancés na Galicia ideal. Estará acompañado do alcalde, Manuel Antelo, e do director xeral da Editorial Galaxia, Francisco Castro. Unha obra necesaria para coñecer o traballo de Perfecto López, un emigrante non demasiado coñecido que foi esencial para a cultura galega na Arxentina-

-En todas partes aparece como Perfecto López, sen segundo apelido.

-Si. Era fillo de solteira, e quedou con ese apelido só. Coñecíano como o Tato da Valiña. Nacer, nacera na Toxa, pero foi para o lugar da Valiña, que está moi cerca.

-¿Por que é importante?

-É un dos clásicos emigrantes que naceu pobre, emigrou para Arxentina, e alí fíxose multimillonario, sobre todo coa industria automobilística, na que levaba grandes marcas. Foi un dos grandes empresarios do sector na capital arxentina, aínda que tamén fixo negocios coas terras. Ata aí, nada especial, porque houbo outros emigrantes galegos aos que tamén lles foi ben. Pero el a maiores apoiou sempre a causa republicana e galeguista.

-¿Cando emigrou?

-Emigrou dúas veces. A primeira en 1922, con 18 anos. Volveu, e en 1931 marchou de novo. Foi dende ese momento cando empeza ese apoio. En 1933 era directivo do ABC de Corcubión. Estaba no comité de axuda á República a través dun programa benéfico da Cruz Vermella. Implicouse moito.

-E coñeceu a Castelao.

-Máis ca iso. Chegou en 1940 como o gran líder. Unha especie de guía para moitos. Perfecto estaba nun grupo selecto de xente que financiaba a súa estadía en Bos Aires, e pagaban canto Castelao facía. Estaba liberado para non traballar. Así que Perfecto foi un dos soportes clave de Castelao en Bos Aires, estivo ao seu lado moito tempo.

-E non deixou de ir e vir a Galicia.

-Non. Xustamente en 1949 estaba aquí, nunhas da súas viaxes. Tamén era de Vimianzo a súa muller, por certo, aínda que se casaran na Arxentina. Pois xusto nese ano comunícanlle que Castelao está mal, que morre, e decide marchar para aló e levarlle terra de Galicia. Chegou, e catro días despois, morreu.

-¿De onde era a terra?

-Hai moita literatura sobre o tema. Uns din que de Rianxo, outros que de Trasalba, outros que de Coruxo... Igual todos teñen razón e levou de varios sitios. Eu penso que puido ser iso, que a había de todas partes. No libro cóntase todo sobre este tema.

-¿Mantiña relacións coa intelectualidade en Galicia?

-Viña máis ou menos cada dous anos, e reuníase con dirixentes galeguistas clandestinos, sobre todo arredor de Galaxia. Perfecto era accionista desta editorial, dende que se fundou no ano 1950. Había posturas encontradas, aló e aquí, pero el era como un nexo.

-Anos convulsos...

-De grupos diversos. Había un terceiro grupo, exiliados tamén en Bos Aires, que nin estaban moito con Galaxia nin co grupo de Castelao. Luís Seoane, Blanco Amor, etcétera. Perfecto tamén colaboraba con eles, e fundou a editorial Citania, que publicou moitas obras. Por exemplo, A Esmorga, que en Galicia non lla publicaban, e el gastou os seus cartos para editala alí.

-É curiosa a súa postura, sen ter formación académica.

-A escritora inglesa Nina Epton fala diso no seus libro da viaxe a Galicia, como se reunía con todos. Apoiaba moito a ideoloxía galeguista da época, o ambiente cultural. Fixo un traballo moi importante no ABC de Corcubión, o gran cambio chegou con el: tivo sé propia, un parque de recreo... Medrou moito grazas ao seu apoio.

-¿Mantiña o contacto con Vimianzo?

-Si, cando viña a Galicia viña a Vimianzo. Pero axudaba xa dende aló, buscándolle acomodo aos emigrantes que chegaban, mesmo na súa empresa. Tentou facer unha escola na súa aldea, pero o alcalde da época non lle deixou. Dicía que tiña que ser en Vimianzo, pero Perfecto quería da Ponte Roda para aló. E por iso non se fixo.

-¿Houbo contacto cos descendentes?

-Non. Tivo tres fillos, dous homes e unha muller. Morreu en 1970. Houbo intentos de contactar con algún deles, pero nada.

-¿Por que quixo escribir este libro?

-Non é algo de agora, levo con isto uns doce anos. Non se coñecía moito, aínda que Adiante Soneira xa falara del hai uns anos. Quixen investigar, aínda que na Arxentina non me deron moitas facilidades. Malia ser case analfabeto, tivo o contacto directo co máis alto da cultura galega.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Xosé María Rei Lema: «Perfecto López foi un dos soportes clave de Castelao en Bos Aires»