«Moraime merece un ciclo musical propio»

VIMIANZO

Belén Bermejo, a la derecha
Belén Bermejo, a la derecha José Manuel Casal

A igrexa de San Xiao de Moraime é, hoxe, o último escenario do ciclo de concertos Espazos Sonoros. Explíao a directora artística do programa, Belén Bermejo

07 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Última parada para o programa Espazos Sonoros, un ciclo que pretende abrir con música as portas de espazos senlleiros de toda a Comunidade Autónoma. Neste caso a última cita será na igrexa de San Xiao de Moraime, onde terá lugar esta tarde (19.00) un concerto do grupo Romanza, que interpretará pezas baseadas nas cantigas de Martín Códax. A entrada é gratuíta ata completar aforo. De todo iso fala Belén Bermejo, directora artística do ciclo.

-¿É casual a elección da igrexa de San Xiao de Moraime como punto final do ciclo?

-Levabamos moito tempo tentando querendo programar en Moraime dentro deste proxecto Espazos Sonoros. Xurdiu a posibilidade e non o dubidamos. Queriamos dedicarlle un concerto especial, se non era a inauguración, que fose a clausura. Por cuestión de datas e por conveniencia dos músicos, que queriamos un espectáculo de relevo, decidimos que fose a clausura

-¿Que tal foi a acollida?

-Moi boa. De feito, todas as actividades paralelas que realizamos en torno aos concertos estiveron non só completas, senón cunha longa listaxe de agarda. O interese foi máximo, ao igual que nos propios concertos, nos que practicamente non collía unha persoa máis no público.

-¿Esperan repetir éxito hoxe?

-Pois dende o segundo día de abrirse a inscrición para a andaina polos muíños xa estaba completa. Moita xente seguiu anotándose na lista de agarda, e moita outra anunciou que, aínda que non participase na actividade, si asistiría ao concerto posterior.

-Estas citas paralelas son un bo incentivo de cara ao público.

-Si, e o certo é que o facemos en case todos os concertos, non só para promocionar o espazo no que terá lugar o concerto, senón tamén para dar a coñecer o seu entorno e aproveitar o desprazamento de esa xente que vén dende diferentes puntos de Galicia. Así, non só se queda a xornada nun concerto, que sabe a pouco, senón que se aproveita moito máis o día. Hai que fomentar o turismo interior, facer que as xentes se movan e coñezan.

-¿Qué puntos visitarán hoxe na ruta dos muíños?

-Pois sairemos de Moraime e tocaremos varios puntos do municipio de Muxía. Pasaremos polo santuario da Barca, polos secadoiros de congrio e por outros puntos nos que haxa vestixios da cultura tradicional do municipio. Quedamos ás doce da mañá e estaremos como catro ou cinco horas camiñando. Despois participaremos nunha visita guiada polas pinturas de Moraime, recentemente restauradas, e seguidamente descansaremos un pouquiño antes de presenciar o concerto.

-¿Qué hai do aspecto musical?

-Pois optamos sempre por músicas adaptadas ao espazo no que se representan. Faremos un repaso pola lírica medieval galego-portuguesa. Trobadores occitanos, cantigas de amigo e de Santa María. Este é un grupo que lidera un músico galego, Manuel Vilas, internacionalmente recoñecido e especializado na música antiga, que estará acompañado dunha vocalista e dunha intérprete que tocará un instrumento moi peculiar, como é o órgano portativo, medieval. Non só musicalmente, senón que tamén visualmente é moi interesante.

-¿É aínda cedo para pensar xa en futuros escenarios da Costa da Morte para este ciclo?

-A vontade de continuar está aí, pero son decisións que están por enriba de nós [ri]. Xa estivemos no seu día en Cereixo [Vimianzo] e fora todo un éxito, de feito tivéramos que abrir as portas para que a xente que quedara fóra puidese escoitar o concerto. Sempre nos sentimos moi ben acollidos na Costa da Morte. Moraime é un referente non só a nivel galego ou estatal, senón tamén europeo. Merece o seu propio ciclo musical todo o ano [ri].