«A revolta irmandiña foi un vendaval modernizador»

Patricia Blanco
Patricia Blanco CARBALLLO / LA VOZ

VIMIANZO

ANGEL MANSO

Experto nesta cuestión, intervirá mañá no simposio sobre o castelo de Vimianzo: o encontro bota a andar esta mesma tarde

28 sep 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Barros, profesor titular de Historia Medieval na USC e investigador experto na revolta dos irmandiños, intervirá mañá no simposio O castelo de Vimianzo ao longo dos séculos, que bota a andar esta tarde. A súa conferencia leva por título Quen foron os irmandiños?

-Así pois, quen foron os irmandiños? Que contará en Vimianzo?

-Falarei dos protagonismos sociais na revolta. É moi coñecida, pero ao mesmo tempo descoñecida. Hoxe dispoñemos de fontes para estudar cómo as diferentes clases e grupos sociais participaron nela, sobre todo o preito Tabera-Fonseca. Participou a meirande parte da sociedade galega, e ían contra a oligarquía feudal. Galicia estaba inzada de torres e castelos dende as que recibían múltiples agravios. Levantáronse dende os labradores ata os sectores intermedios ou baixos da propia nobreza, que tamén se sentían agraviados. Fixérono dun xeito exitoso, en parte porque se dá unha alianza entre a cidade e o rural. Labradores, artesáns e pescadores tiveron o apoio da burguesía urbana, clérigos e cóengos das catedrais.

-Houbo, logo, moito máis que un compoñente campesiño.

-Si, moito máis, aínda que ese compoñente foi moi maioritario na base. Foron os que decidiron a fase insurreccional da revolta, o asalto ás fortalezas. Non obstante, a dirección política descansaba na burguesía urbana, mercadores na súa maior parte, pero tamén letrados ou cóengos. Foi unha explosión social contra o que quedaba do feudalismo medieval. Tiveron o apoio da maior parte da Igrexa, menos o do arcebispo Fonseca, aínda que finalmente tamén se reconciliou cos irmandiños. Incluso tiveron tamén certo apoio, por razóns políticas, do entón rei, Henrique IV de Castela. Co apoio de Deus e o reino, como dicían, fixeron a súa grande obra, derrubar torres, castelos e fortalezas, a excepción do de Pambre. Creo que foi a única revolución na historia de Galicia, e coincide co tránsito da Idade Media á Moderna. Unha sorte de vendaval modernizador que inspirou logo aos Reis Católicos para implantar unha xustiza exemplar como a que practicaban os irmandiños. Irmandiños, por certo, é un nome de principios do século XX: un pouco medio inventado pola historiografía galeguista. Eles dicíanse Membros da Santa Irmandade do Reino de Galicia: é o nome oficial na documentación.

-Que papel xoga Vimianzo?

-A súa fortaleza aparece claramente na listaxe de fortalezas derrocadas. O que fai de Vimianzo algo distinto é que iso é recordado hoxe en día polos veciños, porque o problema que ten a historia é que moi frecuentemente é esquecida. Non ocorre así en Vimianzo ou en Moeche, pero pouco máis. Os irmandiños demostraron un valor social para buscar unha vida mellor: foron exemplares ata hoxe en día. Agora tamén nos mobilizamos, pero na democracia isto está regulamentado; daquela tiñan que tirar da intelixencia colectiva, e fixérono cun éxito histórico transcendental. Foi para Europa un paradigma da participación popular.

-Por que é unha historia coñecida e tamén descoñecida?

-Soa o nome, e a revolta, pero ao longo dos séculos foi como mitificada. E só desde que dispoñemos da propia voz dos irmandiños puidemos reproducir a base social, económica e política que tiñan, a mentalidade que os guiaba. Tocoume a min un pouco esta tarefa de divulgación, porque fixen a miña tesiña e a miña tese de doutoramento sobre a revolta irmandiña. Salvando os séculos, hai cousas que non cambian, como ese espírito de loita contra a indignidade, a inxustiza e a procura dunha igualdade social. Levantáronse contra a rapacidade. Iso non cambia dende a revolta de Espartaco ata o 15M. Non obstante, cada época ten un contexto histórico. Aí está tamén a utilidade social da historia. Temos que inspirarnos na parte mellor do noso pasado para enfrontar o presente e construír un futuro, como eles fixeron entre o século XV e principios do XVI.

Presentación dun cuadro inédito de Evaristo Martelo, hoxe

O simposio vimiancés comezará hoxe ás 17.00 horas, na Casa da Cultura. Presentará o alcalde, Manuel Antelo, e seguirán as intervencións de Xosé María Lema (18.00) e Laura Suárez Llano (19.00). Ás oito haberá un recital poético na fortaleza. Xustamente hoxe, ademais, e segundo deu a coñecer onte o Concello, exporase un cadro inédito de Evaristo Martelo Paumán del Nero, último morador do castelo. O cadro apareceu por casualidade. O seu propietario, o coruñés Ramón Eduardo Juan Sánchez, atopouno nunha tenda de obxectos de segunda man, á venda, sen consideración especial. Contactou co Concello e firmou un convenio de cesión para a súa exposición pública: a obra amosa unha bucólica paisaxe na que domina o castelo, cuxa imaxe permanece practicamente inalterada.