«Vimianzo, co castelo, pode converterse nun centro de turismo da Costa da Morte»

Xosé María Lema pronunciará o venres a conferencia inaugural do simposio sobre a fortaleza soneirá


carballo / la voz

Pasado mañá, venres, botará a andar o simposio O castelo de Vimianzo ao longo dos séculos. Trala presentación das xornadas, intervirá ás 18.00 horas Xosé María Lema Suárez (Bamiro, 1950). Docente xa xubilado, presidente do Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (Semescom) e investigador da historia e o patrimonio local, ofrecerá a conferencia inaugural: Introdución á historia do castelo de Vimianzo.

-¿Que cuestións abordará?

-Tratarei de contar a historia de Vimianzo e da época en xeral en Galicia, unha historia dende que temos datos do castelo. É unha conferencia divulgativa, apoiada en imaxes, baseada no libro que publicaramos o falecido Roberto Mouzo e mais eu no 1998: O castelo de Vimianzo e os Moscoso de Altamira. En principio ese é o guión, aínda que hai cousas novas. Partiremos da anterior fortaleza, porque esta é do século XV, reconstruída polo arzobispo Alonso de Fonseca de Santiago logo da revolta irmandiña. [Irá dando cadra, detalla, de todos os avatares, persoeiros e acontecementos, ata a compra do monumento por parte da Deputación]. Un repaso ata o castelo actual, que é unha envexa para outros lugares, que non os teñen ou que quedaron en ruínas.

-Longo percorrido, pois.

-Si, e saúdo esa iniciativa da Alcaldía de integralo máis na vila, para que teña un protagonismo especial. Espero que a xente acolla isto, porque vai potenciar máis o castelo, principal monumento da vila, do municipio. Forzará que os visitantes da Costa da Morte non só se queden na costa senón que veñan tamén ao interior, algo que se está logrando coas visitas guiadas á propia fortaleza, aos Batáns, o megalitismo... As Torres do Allo en Zas...

-¿Que agarda que os asistentes se leven deste primeiro simposio?

-Acoden persoas moi interesantes, como Carlos Barros, investigador experto na revolta dos irmandiños. Penso que ninguén se debería perder estas conferencias. Laura Suárez Llano, Carlos Galván, Jorge Rouco... Os sucesos do 36... Considero que era un acto necesario para poñer aínda máis en valor este castelo e que a xente coñeza a propia historia. Isto está aberto a todos os veciños e sería imperdoable que non coñezamos a propia historia. Que vaiamos por aí e quedemos admirados de que os veciños sexan os primeiros que che din un detalle de aquí e de alá, dun castelo ou dunha igrexa, e que aquí quedemos máis ben calados. Polo tanto, están ben estes actos para que asista a xente, para que coñeza o que hai, o noso pasado, e para valoralo. A nosa historia está así como moi difuminada. Incluso a nivel total parece que o reino de Galicia practicamente non existe, cando foi o máis importante da Idade Media. Valoro por tanto o simposio e tamén a proposta de integración: penso que se pode converter nun bo parque, nun xardín, aí está incluído mesmo o Muíño das Torres...

-Unha posta en valor do pasado e, tamén, unha mirada ao futuro. Xa se vén demostrando que o turismo cultural é capaz de tirar.

-Si, xa teño dito que o máis fácil para un alcalde [ri] é non facer nada, non tocar nada. Resultará reelixido. Máis difícil é ser valente, facer unha proposta arriscada como é poñer en valor isto e mesmo facer expropiacións. Non obstante, é a forma de facer un futuro. Vimianzo pode converterse, grazas ao castelo, nun centro de turismo da Costa da Morte, da zona de interior, que garda tamén cousas moi interesantes. O noso é un turismo cultural e paisaxístico, non de praia. Iso tamén dá cartos, como xa temos tamén repetido. A xente cando hai teatro vai a Vimianzo, logo consome, cea, toma algo... o que sexa. O fundamental é que pare para ver algo, non unicamente para chegar, facer a foto e marchar. Isto é un valente investimento para o futuro.

-Parece que cada vez máis concellos se están dando conta.

-Alédame. O que lamento é que se tardase tanto. Hai cousas que dende o Semescom xa diciamos hai vinte anos e que agora se están cumprindo. Por fin hai alcaldes, e non digo só o de Vimianzo, que están investindo en cultura e patrimonio: atrae xente e dá cartos. Hai que felicitalos por dar o paso.

En detalle

Venres, 17.00 horas, Casa da Cultura de Vimianzo. Ás cinco da tarde quedará inaugurado este primeiro simposio sobre o castelo de Vimianzo. Logo do alcalde, intervirán Xosé María Lema (18.00) e Laura Suárez Llano («Evaristo Martelo, o poeta do castelo»). Ás oito haberá un recital na propia fortaleza.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
8 votos
Comentarios

«Vimianzo, co castelo, pode converterse nun centro de turismo da Costa da Morte»