«O Día da Bici é como unha festa, por iso vou sempre cos amigos»

F. Rodríguez / M. López

VIMIANZO

Julito

O atleta vimiancés David Calzas tampouco se perderá a cita deste domingo, na que, por motivos de traballo, só participou unha vez

18 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Moitos rostros coñecidos se poderán ver mañá domingo no Día da Bicicleta de Vimianzo, xornada coordinada por La Voz de Galicia e Radio Voz, en colaboración co Concello. Dicía Teresa Castro hai uns días que non se perdería a cita, pero tampouco o fará o vimiancés David Calzas, experimentado duatleta e galardoado deportista. Para quen se perdera o prazo de inscrición na Casa do Concello, finalizado hai dous días, pode facelo o mesmo día da proba, como o propio Calzas: «Nós xa facemos todo no día. Imos un anaquiño antes e xa nos inscribimos alí todos xuntos»

-¿Poñendo xa a punto a bicicleta para este domingo?

-Polo xeral está sempre a punto, aínda que sempre hai que botarlle unha ollada final.

-¿Participará só ou en compañía de amigos e familiares?

-Non, para min esta cita é máis ben como unha festa, polo que irei en compañía dos amigos ou da miña moza.

-¿Cantas veces participou?

-Pois por motivos de traballo só puiden participar un ano.

-¿É esta cita un bo momento para iniciarse na bicicleta?

-Eu, dende logo, penso que si. Dá gusto ver eses rapaciños pequenos que van da man dos seus pais, e ver como van collendo a afección e trasladándolla tamén aos amigos, cos que van quedando algunha vez á semana para saír nas bicicletas. Grazas a estas citas difúndese este deporte.

-¿Como anda o percorrido en canto a dificultade?

-É practicamente chan en todo momento, moi sinxeliño. Hai unha pequena costa, pero supérase sen problema ningún.

-¿En que anda metido? ¿Algunha competición proximamente?

-Agora mesmo non temos nada. En agosto collemos un pequeno descanso, e xa é en setembro cando comezamos cos duatlóns. Ata novembro non teremos ningunha cita destacable.