«Encántame o feito de que saia en bici tanta xente xunta»

Melissa Rodríguez
melissa rodríguez CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

J. M. F.

O Día da Bicicleta partirá este domingo ás 11.00 horas da praza do Concello de Vimianzo. Unha das participantes será Teresa Castro: mudará o atletismo polas dúas rodas

16 ago 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O Día da Bicicleta é unha xornada na que ciclistas afeccionados ou profesionais de distintas idades se animan a subirse ás dúas rodas. Pero tamén, un día no que deportistas de outras modalidades aproveitan para aparcar a súa rutina a un lado e gozar deste medio. Neste segundo grupo está a médica Teresa Castro (Noia, 1968), atleta federada que onte confirmou a súa asistencia á marcha cicloturista que se celebrará este domingo na localidade.

-¿Dende cando leva participando nesta cita?

-Salvo un ano que non puiden ir por un campionato, o resto creo que fun todos. Cinco polo menos.

-¿Adoita andar en bicicleta?

-Gústame moito como medio de transporte, pero agora teño un canciño e saio a camiñar con el, polo que xa non a emprego tanto.

-Entón, o Día da Bicicleta é a escusa perfecta para subirse ás dúas rodas, ¿non?

-Totalmente. Encántame o feito de que saia en bici tanta xente xunta. Tamén, que se mesture deporte con actividade lúdica, pois creo que axuda a que as persoas non vexan o exercicio físico como algo negativo. Outro aspecto a ter en conta é que sempre te atopas con alguén que había tempo que non vías, ou mesmo te relacionas con xente nova; momentos nos que se crea moita vinculación e complicidade. E como estea un día tan soleado como o de hoxe [por onte], a xornada vai ser perfecta.

-¿Irá soa ou acompañada?

-De entrada, sairei soa porque me gusta moito o feito de atoparme con alguén. Pero, un día normal, cando collo a bici, intento ir sempre con xente. Gústame moito o monte porque á estrada cada día témoslle máis medo. Aínda que cada vez hai máis xente respectuosa, tamén hai outra que non. Sempre adoitas escoitar comentarios de que molestamos, e temos o mesmo dereito a circular pola estrada que os coches. Todos deberiamos de ser moi conscientes do perigo que supón para un ciclista que un coche vaia ao seu lado. Os ciclistas tamén somos nós cando imos nese vehículo.

-¿Que destaca do percorrido, que é o mesmo que o do ano pasado?

- A costa de Rasamonde, pois é onde se nota a diferenza entre a xente que está acostumada a practicar ciclismo e a que non, e o avituallamento, pois tomas a saída e en media hora xa paras a comer e a falar sobre as aventuras vividas.