As festas, un fenómeno social

Antonio Fondo

VIMIANZO

Antonio Fondo, vimiancés.
Antonio Fondo, vimiancés. José Manuel Casal

FESTAS DE VIMIANZO | As celebracións dan pé á socialización: unha análise dos cambios ao longo dos anos

09 ago 2018 . Actualizado a las 19:07 h.

Falar de festas é falar de Antropoloxía Social. As festas favorecen a socialización, como apuntan os antropólogos José A. Fernández de Rota e Xerardo Pereiro Pérez nos seus traballos de campo das comarcas de Betanzos e a Ulloa. Destacamos o papel compilador de Carmelo Lisón. As festas de Vimianzo do verán dan culto a nivel relixioso ao Carme e ao san Roque: tradicionalmente celébranse na segunda fin de semana de agosto. Non son as patronais. Supoñen:

Marco idóneo para tecer amizades e vínculos, que poden chegar ao familiar ou de parentesco, vínculos que sobrepasan os lindes territoriais da contorna á nosa particular diáspora soneirá (Ultramar, Suíza, Alemaña, Holanda, Francia… as grandes urbes peninsulares e autonómicas, as Illas Baleares e Canarias; dependendo das circunstancias históricas).

Os modos de relación social, van mudando e dilo son reflexo os programas de festas das distintas comisións ao longo do tempo:

Finais do Réxime-Transición. Os programas eran bastante sinxelos e recoñecibles. Dianas e alboradas, pasarrúas ou pasacorredoiras, bailes da misa e verbena á noitiña ata unha hora decente. Viñan tocar os gaiteiros máis prezados da contorna (os Castromil, o da Devesa, os Raboses, os da Torre de Laxe). As bandas de Ponteceso ou Negreira tamén concorrían, senón algunha das moitas e boas que pariu a cunca do Ulla. Tamén participaban nos actos relixiosos. Eran días sinalados, ao mesmo que Nadal, Semana Santa, o Sacramento, San Vicenzo. Estreabamos roupa, a misa e os bailes da misa formaban parte das redes sociais da época, era o postureo, e os I like . A saber: «Mira que ben feitiña é aquela rapasa de Madrí». O Instagram prendía en nós con aquelas descricións de gran pixelado e sen Photoshop. O que non se vía fabulábase. «Non sabes, súa nai era moi boa cociñeira e de solteira marchou para a Coruña». Tamén amigas e amigos recurriamos ao noso particular Facebook (catálogo de caras). «Coñeces a tal ou a cual?... Porfa preséntamo/a».

A noite empezaba a funcionar co noso particular Twitter, todas as antenas estaban on fire, e comezaba a recúa de hastags: #averquenbailaconmáisrapasas#, #quenéoquellegusta aMargharita?#. A solidariedade entre a mocidade tamén se facía presente, «Porfa, baila e fai que estás conmigho, que anda por aí un plasta».

Para entrar en conversación despois de pedir a bailar, facíanse as seguintes preguntas: «Estudias o trabajas» e respondían, «Eres de aquí ou vés á festa».

Retomando o tema das redes sociais dábanse en diferido ao día seguinte nos diferentes cíber-lavadoiros (A Torre, Tedín, Manjar, Bribes…), ou na wifi de fontes, tabernas… Coa saturación de datos dábanse caídas de tensión coas primicias, chegando a ser Trending Topic tendencia ou murmurio. «Mirade, eu non os vin, pero seica a cousa vai en serio. Vamos ter casamento». Máis rápido que pronto enchíanse de Followers (seguidores que se contaban cos dedos da man, pero que se multiplicaban nos distintos lugares de acceso as redes sociais).

Orquestras e grupos foron evolucionando, pasando de cortar en castejano (politicamente correcto) y aghora para complaser unha grande enchenta de peticións, les ofrecemos aquel hit, para aí de Doménico Modugno, e duas mulleriñas que acodían de escopeta á festa falaban entre elas: «Oes, que dixo do Médico de Buño». Hoxe cadaquén exprésase na súa propia lingua sendo respectada como sinal de identidade.

As orquestras clásicas (Transición): Satélites, as Sintonías, Saratoga, Marbella, Trébol, Palma, París, Mallo, Pucho Boedo e os Trovadores ou a Compostela van dando paso a outras agrupacións ou conxuntos: Nuevas ideas, Solano, Bardos, Yamis…

Aquelas orquestras con vocalistas de renome, Dúo Gala, Santiago, Ana Kiro, Manolo Escobar, Tito y Tita, Pedrito Fernández, Queimada, Barcelona, Alkar, van deixar camiño aberto a outros vocalistas, Los del Río, Soraya. Desde hai uns dez anos as orquestras-espectáculo, levan palco propio, montaxes dignos das mellores compañías e unha loxística que fixo que moitos campos de festa cambiasen de ubicación para o acceso: Philadelfia, Olympus, Fania Blanco Show, Combo Dominicano… As festas son a Bomba, cuns Satélites, que seguen en órbita medio século despois, todo leva a que isto sexa un fenómeno «Panorama-normal».

As verbenas seguen o seu discorrer cal río que vai ao mar. A loxística e os nomes poden cambiar. Os pincha-discos pasáronse ao gremio dos DJ («dille aí»), os bailes da misa son sesión vermú, a música disco é tecno party sesion. As bandas van a menos e irrompen as charangas, «que Eskándalo», ou a Mekánica, mesmo a NBA («non bebas auga»), ou Madía Leva.

A modo de conclusión, as festas son un fenómeno social de longo percorrido e parodiamos ao gran Humphrey Bogart en Casablanca (1942): «Marcho que teño que marchar, sempre nós quedará [a] París [de Noia]».