Vimianzo e máis A Rula danlle valor aos petróglifos de Boallo

Xosé Ameixeiras
A. lavandeira CARBALLO / LA VOZ

VIMIANZO

COLECTIVO A RULA

No Outeiro do Recosto hai dúas estacións de arte rupestre

14 jul 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Un día de novembro de 1997, Manuel Soto Caamaño, cazador de Vimianzo, localizou de casualidade o petróglifo do Outeiro do Recosto, en Baollo (Berdoias-Vimianzo). Un tempo despois, o malogrado Roberto Mouzo Lavandeira, perito e divulgador da historia e da arte vimiancesa, atopou outra estación nas proximidades, na chamada Pedra Mosqueira. Mouzo foi o autor do primeiro informe e fixo único deseño dos motivos achados. Vinte anos despois, o Concello invitou ao colectivo A Rula, unha entidade que se dedica á descuberta, investigación e divulgación da arte rupestre, para unha xeira nocturna prevista para hoxe polo conxunto rupestre de Boallo.

Na primeira estación do Outeiro figura un único panel de pouco máis dun metro cadrado con ata 9 combinacións de círculos concéntricos con coviñas centrais e diámetros de entre 44 e 10 centímetros. Segundo o informe da Rula, «son gravados realizados coa técnica tradicional mediante abrasión e percusión con instrumentos de pedra, posiblemente seixo». Na parte inferior están os dous círculos de maior tamaño, de cinco e catro aneis, respectivamente. Os modelos feitos en 3D por A Rula permiten rexistrar «un conxunto inédito dunhas 15 coviñas e restos doutras combinacións case imperceptibles».

COLECTIVO A RULA

No caso da Pedra Mosqueira, nunha rocha horizontal, hai «unha soa combinación circular de tres aneis e coviña central duns 30 centímetros de diámetro», sinala A Rula no seu informe. Atópase na parte central do panel aproveitando un saínte natural do penedo.

Completan o panel outras coviñas illadas, pero o rocha está moi desgastada. Esta noite poderase ver mellor.

Un percorrido pola historia e a arte rupestre das terras de Berdoias

A idea do percorrido desta noite polo pasado de Baollo (21.30, saída do Castelo de Vimianzo) é a de divulgar e pór en valor a historia e estas manifestacións da arte rupestre atlántica. Concello e A Rula colaboran para que a xente que aí o desexe poida coñecer detalles do Pazo de Boallo, que foi unha das primeiras casas señoriais da Costa da Morte. Foi levantada por Martiño de Castiñeira en 1637. Era fillo de Alonso de Lema II, un persoeiro que xa foi tratado no percorrido realizado hai un ano. Quedan deste inmoble nobre dous hórreos, un lavadoiro, un cruceiro sen cruz e os restos da capela de San Roque, convertida en corte de ovellas, pero aínda hai máis atractivos.