«Todo o mundo, independente da cor política, está contento co Plan Único»

La Voz

VIMIANZO

Goretti Sanmartín, na primeira xornada do Simposio Pondaliano
Goretti Sanmartín, na primeira xornada do Simposio Pondaliano Ana Garcia

Goretti Sanmartín Rei, dirixente do BNG, percibe que o seu partido está en clara «recuperación» e que cada vez máis xente mira cara a el

03 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín Rei (A Estrada, 1964) estivo estes días de visita pola comarca, da que analiza o impacto que están tendo sobre ela as novas políticas provinciais e tamén as perspectivas electorais do seu partido, o BNG para as municipais do ano que vén.

-¿Pensa que adelgazar a Deputación en favor dos concellos foi o maior acerto deste goberno?

-Si, o de crer que os concellos son maiores de idade e, por tanto, son eles os que teñen que decidir en que queren investir os cartos. O Plan Único son 11 millóns para a Costa da Morte, pero no período que se implantou 2017-2018 son 160 millóns de euros, un orzamento da Deputación enteiro destinado en dous anos para os concellos e para que decidan exactamente en que o gastan. Todo iso sumado aos plans de emprego e a outras transferencias para persoal... e que sexan eles os que fagan os seus propios plans directores, como neste caso o Parque do Megalitismo. O plan vén para ficar e eu creo que é unha verdadeira revolución na Deputación e todo o mundo, independente da cor política, está contento co Plan Único.

-¿Por que a xestión do patrimonio debe recaer nos concellos?

-O lóxico é que aquela Administración que está máis próxima, que máis coñece as súas necesidades, a que mellor sabe, ademais, o que pode facer para que sexa ben coñecida e conseguir que haxa xente a visitala, se faga cargo dende as propias localidades. Tamén é certo que pode haber algún tipo de ben que pola súa relevancia, polo que significa a nivel de investimento que precisa puidese de ser da propia Xunta de Galiza, dependo de cal sexa, pero na maioría dos casos nós o que temos que facer é darlle os recursos e que eles decidan. Ese é o valor que ten a Deputación, porque, ao final, o que tiñan que ter os concellos era xa eses recursos de maneira directa, porque o que temos en Galiza é un problema de financiamento dos concellos.

-¿Que pode contar dese proxecto para o Castelo de Vimianzo?

-[ri] Eu creo que o mellor é que as cousas vaian indo polo seu propio pé. Hai ese intento de que todo o que é o patrimonio poida ser xestionado directamente polo Concello. Ten que haber un traballo conxunto para que iso sexa unha realidade. É un dos nosos compromisos de goberno nos que máis estamos a traballar. As áreas que están traballando niso xa o farán público no seu momento.

-¿Que ritmos leva o BNG en canto ás próximas municipais?

-Ten unha axenda municipal en marca. Xa houbo un primeiro foro preparatorio para a saída das municipais. En todas as localidades está habendo reunións de asembleas locais, asembleas comarcais, xuntanzas con colectivos diversos para que todo o mundo se poida sumar e nalgúns lugares xa se están facendo públicas as candidaturas. É un proxecto que claramente está en recuperación, porque claramente estamos vendo que cada vez hai máis xente que mira cara ao BNG, que apoia máis ao BNG, porque considera que ten unha liña de traballo moi coherente e transformadora da calidade de vida da veciñanza. No caso da Costa da Morte temos exemplos claro diso: a transformación que hai en Carballo ou en Carnota, ou o traballo importantísimo que se está facendo en lugares como Fisterra, ou en Mazaricos, ou en Zas... Pensamos, de verdade, que o BNG vai ter un apoio moitísimo maior nestas eleccións. Nós xa estamos traballando e pensamos que un ano é tempo suficiente para facerlle chegar á veciñanza as nosas mensaxes e as nosas propostas; pero, ás veces, tamén é pouco tempo para contactar con toda a xente que quere facer que nos seus pobos e nas súas vilas se viva mellor. Ademais, agardamos que a Costa da Morte vai ser un dos lugares nos que obteñamos uns moi bos resultados. Tamén dende a oposición, a xente sabe que, moitas veces, quen mira pola veciñanza e acaba implicándose na solución dos seus problemas é o BNG.

-¿Como calibran a posibilidade En Marea de entrar no ámbito local da Costa da Morte?

-Non nos gusta meternos no ámbito de outras formacións políticas. Cremos que hai xa suficientes problemas, en xeral, noutras organizacións. Que os resolvan. Nós estamos a traballar no noso, que é buscar as mellores persoas para encabezar a nosa proposta para os concellos do país.

-¿Que posibilidades hai de que o alcalde de Vimianzo e o seu grupo volvan ao BNG?

-Iso terás que preguntarlle a el. Nós o que temos é unha decisión moi clara de que o Bloque Nacionalista Galego se vai presentar como BNG nas próximas eleccións, porque é unha marca que está en alza, e que temos que tentar facer as mellores candidaturas para o conxunto da poboación. Dende logo temos as portas abertas para todas as persoas que queiran traballar dende esa óptica, dende o nacionalismo, para que a xente poida vivir na terra e non teña que emigrar.

-¿Como se consegue a convivencia das forzas de esquerdas no goberno da Deputación?

-Eu sempre digo o mesmo, que o importante non é xuntarse, senón para que xuntarse. E nós tiñamos clarísimo para que nos xuntabamos, no caso dos acordos das deputacións. Na da Coruña sabiamos que programa queriamos levar e o que queriamos facer. Por iso que a relación é magnífica, que é algo que sempre nos preguntan: ‘«¿Non hai crise de goberno, non tedes roces...? Non, porque sabiamos que queriamos chegar ás deputacións para facer unha transformación radical, que era conseguir que houbese criterios obxectivos asentados e que a maior responsabilidade recaese sobre os concellos dándolle eses recursos.